Escaso botín para un Arosa que xogou máis dunha hora en superioridade (1-1)
Por Redacción
O Arosa regresa de Palencia cun punto na maleta. Un botín que se antolla escaso por como se desenvolveu o partido. Os arlequinados encaixaron un tanto nos minutos iniciais do partido, pero logo o conxunto local quedou cun menos e os visitantes aproveitaron a súa superioridade numérica para igualar antes do descanso. Con todo, no segundo tempo foron incapaces de perforar a meta rival e tiveron que conformarse co empate.
O partido non comezou nada ben para os intereses arousáns. Non se cumpriu nin un cuarto de hora de xogo cando o Palencia lograba adiantarse no marcador. Saíron xogando desde atrás os locais por banda dereita, moveron o balón ata a esquerda para entregarllo a Javier Bueno que, desde a frontal, puido disparar sen oposición para desesperación do gardameta Manu Táboas, que non puido facer nada por deter un balón frouxo e axustado ao pau dereito da súa portería.
O guion do enfrontamento ía dar moi pronto un xiro inesperado. Álvaro, que xa vira un amarela dez minutos antes, empregouse con excesiva dureza na loita por un balón dividido no centro do campo. Chegou tarde e arroiou ao seu opoñente, polo que viu a segunda cartolina deixando ao seu equipo cun xogador menos e con 70 minutos aínda por disputarse.
Ao quedar en inferioridade, o Palencia deu un paso atrás e obrigou ao Arosa a levar a iniciativa. Os visitantes tentárono, pero non foi ata o último minuto do primeiro tempo cando lograron empatar, por medio de Luismi, que rematou un córner botado ao primeiro pau.
Co partido igualado e todo o segundo tempo por diante, os de Vilagarcía tiñan todo a favor para facerse co triunfo, con todo foron incapaces de aproveitar as súas ocasións para facer o segundo e tiveron que conformarse co empate.
PALENCIA (1): Daniel Hernández (Guillermo García, min 63), Juan Pajín, Abel Pascual, Alfredo Sualdea (Iker Pérez, min 77), Adrián Pérez (Rafael Gómez, min 90), Eduardo Gallardo, Javier Bueno, Álvaro Suárez, Erik Polanco (Jesús Torres, min 77), David Gallego, Jorge Selles
AROSA (1): Táboas, Piay (Porrúa, min 41), Cotilla, Fontán, Pedro García, Luismi, Diego Diz, Julio Rey (Fajardo, min 81), Jose Ramón Vives, Ross, Luis Manuel Nuño (Pedro Beda, min 68)
Goles: 1-0, min 15 Javier Bueno, 1-1, min 45, Luismi
Árbitro: García Risco (Asturias) amoestou a Juan Pajín, Guillermo García e Adrián Pérez, por parte do Palencia; e a Fontán, Cotilla, Porrúa e Pedro García, polo Arosa. Ademais expulsou por dobre amarela a Álvaro Suárez no minuto 22.
Incidencias: Partido do Grupo I de Segunda RFEF disputado no estadio Nueva Balastera de Palencia
Relacionadas:
-
O Arosa golea o Ceares e reencóntrase coa vitoria (1-4)
Por Almu Dapena |
-
Excesivo castigo para o Arosa contra o Langreo (1-3)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Plátanos a cambio de donativos para La Palma durante o Arosa-Langreo
Por Redacción |
-
Viaxe a Palencia dun Arosa que quere traducir en puntos as súas boas vibracións: "Das sensacións non se vive"
Por Diego Espiño |