Pontevedra, capital da loita: Acollerá o Mundial de Grappling Cadete-Júnior 2022 e o Mundial Júnior 2024
Por Diego Espiño
Grandes noticias deixou para Pontevedra a asemblea da United World Wrestling que se celebrou este luns en Belgrado, onde se disputa o Mundial Sub-23 de Loitas Olímpicas.
Alí atópase unha delegación da Boa Vila para recoller a testemuña como sede dese mesmo Campionato do Mundo o próximo ano, en outubro de 2022, pero é que ademais vai traer de volta no peto a designación como sede de varias grandes competicións para os próximos anos, dentro da aposta decidida do Concello por este deporte co apoio das federacións Española e Galega.
A federación internacional concedeu a Pontevedra a organización do Mundial de Grappling en categorías Cadete e Júnior para o propio 2022 coincidindo coa competición xa concedida previamente e que "supoñerá ampliar a capacidade de organización de Pontevedra en 4 ou 5 días máis, o cal vai facer que durante 15 días sexamos a capital mundial das loitas olímpicas", asegura o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
Pontevedra solicitou ser sede do Mundial e Europeo Absoluto de Loita en 2025
Ademais a cidade do Lérez é a única candidata a organizar o Mundial Júnior de Loitas Olímpicas de 2024, e a aposta non queda aí xa que "aínda están a discutir dentro da Federación Internacional as posibilidades de organización en 2025 de Mundial e Europeo absolutos, e nós presentamos a nosa solicitude", confirma Fernández desde Belgrado.
Na capital serbia o edil estivo acompañado polos presidente das federacións Galega e Española, sinalando o primeiro deles, José Luis Olazábal, que estas noticias supoñen "a continuación do traballo que levamos facendo durante moito tempo. É un traballo que foi longo pero que está a dar os seus froitos". Pola súa banda o mandatario nacional, Francisco Iglesias, destacou a boa imaxe dada pola cidade en 2019 ao organizar o Europeo Júnior, afirmando que "imos melloralo e vai ser un punto de partida para ser un referente a nivel mundial para que se fagan máis eventos en Galicia e en Pontevedra".
Trátase en cada un dos casos de "competicións que arrastran a máis de 1.000 participantes", destacou o edil de Deportes, o que supoñerá un importante impulso para a cidade ademais dun gran esforzo organizativo, un traballo no que Pontevedra goza de anos de experiencia e que xogou ao seu favor á hora de conseguir o respaldo da United World Wrestling.
A delegación de pontevedresa en Belgrado completárona o adestrador Alexander Kachelaev; o director técnico da Federación Galega, Pablo Pintos; e un técnico do Servizo Municipal de Deportes, David Pérez Araújo.
Relacionadas:
-
Os mundiais de loitas olímpicas e Grappling traerán a 1.100 deportistas de 80 países a Pontevedra durante dúas semanas
Por Manu Otero |
-
O Mundial Absoluto de Grappling poñerá a guinda a un outubro máxico para a loita en Pontevedra
Por Redacción |
-
A guerra en Ucraína deixa no aire a presenza de deportistas rusos nos mundiais de loita de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Alexander Kachelaev desvincúlase do CGTD tras 30 anos formando os loitadores galegos
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra prepárase para un 2022 cheo de deporte internacional
Por Redacción |
-
Constituído o comité organizador do Mundial Sub-23 de loitas olímpicas que se celebrará en 2023 en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A Federación Internacional ratifica por carta a Pontevedra como sede do Mundial Júnior 2024 de loita
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra pasa exame para afrontar o Europeo Cadete de Loita en 2023 e o Mundial Júnior en 2024
Por Almu Dapena |
-
Lores marca como obxectivo a medio prazo "avanzar cara ao Campionato do Mundo Absoluto" de loitas olímpicas
Por Diego Espiño |
-
Conceden a Pontevedra a organización do Mundial de Loita Sub-23 en 2022
Por Diego Espiño |