Ángel Rodríguez, a un triunfo de entrar no selecto club dos cinco
Por Manu Otero
O Pontevedra está a un só triunfo de igualar un dos seus mellores rexistros. Con catro triunfos consecutivos, o equipo que dirixe Ángel Rodríguez está a unha soa vitoria de igualar a marca establecida polo de Luismi na tempada 2018/2019. Iso si, para conseguilo, os granates deberán derrotar no seu estadio ao líder e invicto Unión Adarve.
Non é habitual, ao longo do século, que o Pontevedra se mova nestas cifras de vitorias consecutivas. Nin sequera cando era un equipo que arroiaba en Segunda B ou que triplicaba presupostos en Terceira. De feito, na última década os granates só gañaron catro partidos seguidos en tres ocasiones na categoría de bronce e catro na división autonómica.
Nos últimos dez anos, só tres planteis lograron romper o teito das catro vitorias consecutivas. A máis recente foi a dirixida por Luismi na tempada 2018/2019, que venceu entre as xornadas 30 e 34 ao Guijuelo, Fabril, San Sebastián de los Reyes, Coruxo e Rápido de Bouzas nun sensacional sprint final que non lle bastou para meterse en postos de fase de ascenso ao perder dous dos tres últimos partidos de liga.
Non era a primeira vez nesa campaña que o Pontevedra asinaba unha destacada serie triunfal. Entre as xornadas 14 e 17, enlazaron catro triunfos. Os mesmos que asinaron entre Jesús Ramos e Pouso entre as xornadas 10 e 13 da tempada posterior.
Outro adestrador que pode presumir de gañar cinco partidos seguidos co Pontevedra é Luisito, que o fixo o ano do ascenso a Segunda B, a tempada 2014/2015, ao derrotar entre as xornadas 24 e 28 ao Ribadumia, Sanxenxo, Villalbés, Silva e Cultural Areas. Na categoría de bronce non logrou repetir fazaña e quedou en catro vitorias seguidas, entre as xornadas 7 e 10 da campaña 2015/2016.
O único que superou con claridade o récord dos cinco triunfos é Milo Abelleira, que o ano posterior á caída a Terceira, o 2011/2012, asinou un inicio de liga sen parangón. Os granates sumaron sete triunfos consecutivos ao gañar, entre as xornadas 3 e 8, ao Lalín, Cultural Areas, CD Ourense, Negreira, Alondras, Vilalonga e As Pontes.
Unha cifra que non lograron igualar en Segunda B nin Pablo Alfaro, nin Javi Gracia, nin Alberto Argibay, nin Jose Aurelio Gay. Este último quedou preto, pero na súa segunda etapa á fronte do banco de Pasarón. Foi na tempada 2008/2009, despois de substituír ao cesado Rafa Sáez, o artífice do último ascenso a Segunda comezou con derrota en Irún, pero enlazou logo seis triunfos consecutivos fronte a Fabril, Rácing B, Sporting B, Mariño, Bilbao Athletic e Barakaldo, entre as xornadas 26 e 31, que deron esperanzas a un equipo que finalmente rematou en metade de táboa. Mesmo récord que alcanzou Alberto Argibay na 2005/2006.
Se o Pontevedra vence este domingo ás 11 horas ao Unión Adarve, Ángel Rodríguez pasará a formar parte do selecto club de técnicos que fixeron gañar cinco ou máis partidos seguidos aos granates, entre eles están Jose Aurelio Gay, que o conseguiu dúas veces na campaña 2003/2004; Argibay, na 2006/2007 antes de ser destituído; e Pablo Alfaro, que o fixo na 2009/2010 contando os tres últimos partidos de liga e a eliminatoria a dobre partido de playoff de ascenso contra o Real Oviedo.
Relacionadas:
-
O Unión Adarve acaba coa xeira positiva do Pontevedra (2-1)
Por Diego Espiño |
-
Charles, 'de cabeza' á pelexa polo pichichi
Por Diego Espiño |
-
Épica remontada do Pontevedra despois dunha primeira parte terrorífica (2-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Rayo Vallecano, sucesor do 'Hai que roelo' 56 anos despois
Por Diego Espiño |