Baño de masas de Joan Laporta en Marin á espera da fichaxe de Xavi
Por Manu Otero
No medio do culebrón da fichaxe de Xavi Hernández como novo adestrador do FC Barcelona, o presidente do club, Joan Laporta, visitou na tarde deste venres Marín, onde mantivo unha reunión peñistas de toda Galicia, foi recibido pola alcaldesa María Ramallo e rematou a súa visita cunha cea no restaurante Os 3 Monos de Aguete nun acto organizado pola peña barcelonista de Marín.
O dirixente chegou á sede da peña, na Avenida de Ourense, ao redor das 18 horas no medio dun enorme balbordo mediático. Con todo, Laporta evitou en todo momento realizar calquera tipo de declaración sobre a chegada do xa ex adestrador do Al Sadd ao banco culé. E polo momento, o club tampouco fixo ningún tipo de comunicado oficial para confirmar, desmentir ou informar acerca da negociación.
Con todo, xa no restaurante o mandatario asegurou que "está a punto de pechar o contrato con Xavi".
Mentres tanto, o presidente blaugrana compartiu momentos con todos os afeccionados, realizouse incontables fotografías e repartiu saúdos por todas as partes. Ao redor das 19 horas foi recibido no Concello pola alcaldesa María Ramallo para participar nun breve acto institucional nun salón de plenos abarrotado e no que participou tamén o presidente da peña marinense para agradecer a asistencia de afeccionados de todos os recunchos de Galicia.
No seu dicurso, Laporta lembrou os estreitos lazos que unen ao Barcelona con Galicia e con Marín, como que o creador do primeiro himno da entidade, en 1910, era galego ou citando a xogadores como Pepe Rodríguez, Quique Costas, Luís Suárez ou a nova promesa Nico González.
"Estamos aquí para mostrarvos o noso afecto e admiración porque non é fácil demostrar o barcelonismo por centos de quilómetros de distancia do Camp Nou", díxolles, agradecido, aos asistentes.
Concluíu Ramallo o acto cunha emotiva anécdota que tivo lugar hai 25 anos, cando acudiu a unha cea con peñistas do Barcelona na que Amadeo Bernabéu, o avó de Gerard Piqué, regaloulle a súa insignia de ouro e brillantes co escudo do club e que a rexedora marinense mostrou a Joan Laporta e que garda desde entón con moito agarimo.