A VIII Milla Solidaria de Anedia reunirá no CGTD a 350 atletas de todas as idades
Por Manu Otero
O 14 de novembro celébrase o Día Mundial da Diabetes e en Pontevedra celebrarán esta data coa organización da oitava edición da Milla Solidaria de Anedia. A pista do atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva é o escenario elixido no que se darán cita máis de 350 corredores de todas as idades para demostrar que as persoas que padecen esta enfermidade tamén poden practicar deporte.
"É unha proba que xa forma parte do calendario de probas atléticas de Pontevedra. Ademais do contido deportivo e físico, non se pode esquecer que esta proba ten un aspecto solidario e de recoñecemento ao traballo que todos os días do ano fai Anedia coa xente nova con diabete", declarou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, durante a presentación da proba.
No plano estritamente deportivo, o evento inclúe a celebración de varias probas entre as 11 e as 13.30 horas. Haberá carreiras de categoría benxamín, alevín, infantil, sub 16, sub 18 e absoluto. Nesta última a inscrición está aberta para persoas de todas as idades.
Un dos grandes atractivos da competición estará na participación de Jacobo Soler. O atleta internacional do Rías Baixas é o vixente subcampión de España, que dará un salto de calidade o elenco de atletas procedentes de todos os recunchos de galicia que se darán cita o sábado na cidade do Lérez.
O obxectivo desta competición é o de "concienciar aos nenos e nenas con diabetes de que poden facer deporte igual con calidade", declarou o presidente do Rías Baixas, Gonzalo Méndez, quen espera que o próximo ano o evento poida volver celebrarse na contorna da Alameda, onde se realizaron as seis primeiras edicións antes de trasladarse ao CGTD tras o estalido da pandemia da covid-19.
Ademais desta proba deportiva, Anedia celebrará o Día Mundial da Diabetes con actos como exposicións ou charlas con endocrinos e psicólogos en diferentes lugares de Galicia co obxectivo de visibilizar unha enfermidade que padecen numerosos adolescentes e que non debe ser "causa de exclusion de ningunha actividade e moito menos dá práctica deportiva", sinalou a vogal desta asociación, Charo Lafuente.
Relacionadas:
-
Décima edición da Milla Solidaria Anedia e récord de España en xavelina adaptada
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
350 atletas participan na VIII Milla Solidaria de Anedia para visibilizar a diabetes
Por Redacción |
-
PonteSán despide a súa segunda edición reclamando a volta das citas médicas presenciais
Por Redacción |
-
Marta Casanova pulveriza o récord galego de milla en pista no evento solidario organizado por Anedia
Por Manu Otero & Cristina Saiz |