Oportunidade do Marín Futsal para seguir sumando e necesidade de vencer para o Poio Pescamar
Por Redacción
A sétima xornada de liga na Primeira División Feminina de Fútbol sala chega con dinámicas opostas para Poio Pescamar e Marín Futsal.
Coa frecha cara arriba chega precisamente o Marín, tras encadear tres xornadas sen perder con dous triunfos consecutivos que lle fixeron colocarse na zona media da táboa. Aí é onde pretenden consolidarse as xogadoras adestradas por Raúl Jiménez, e teñen unha boa oportunidade para iso.
Este sábado (16.00 horas) visita A Raña o pechacancelas da competición, o Joventut D' Elx, un equipo que aínda non conseguiu sumar puntos en liga.
O técnico marinense ve a cita como "unha final, é un rival directo pola pelexa pola salvación e, de sacalo, daríase un paso importante para ter máis tranquilidade nos próximos enfrontamentos. O Elxe é un equipo que necesita a vitoria si ou si e temos que aproveitar a súa precipitación", asegura.
Nunha situación oposta, aínda que cun punto máis na táboa, chega a esta xornada o Poio Pescamar, tentando superar a súa mala serie de resultados.
O equipo vermello encadea tres xornadas sen gañar (dúas derrotas seguidas) e necesita cando antes volver facelo para non verse descolgado do pelotón de cabeza. Iso si, para conseguilo deberá superar a un complicado CD Leganés a domicilio (19.00 horas), actual sexto clasificado con 10 puntos polos 8 que ten o cadro adestrado por Manu Cossío.
Relacionadas:
-
O Poio Pescamar regresa á senda da vitoria en Leganés (2-4)
Por Almu Dapena |
-
Recital de goles e remontada para o Marín Futsal sobre o Joventut D'Elx (5-3)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Segunda derrota consecutiva do Poio Pescamar tras caer contra o Universidad de Alicante (1-2)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Segue a boa serie do Marín Futsal tras superar a domicilio o Zaragoza (1-3)
Por Redacción |