Santi Figueroa, Pablo López e Jacobo, os 'esquecidos' de Ángel Rodríguez
Por Diego Espiño
Pasaron só 11 xornadas de liga e queda aínda moita tempada por diante, pero as estatísticas evidencian xa a estas alturas cales son os futbolistas do Pontevedra nos que o técnico, Ángel Rodríguez, depositou de momento máis confianza e oportunidades.
O preparador avisou no verán que non miraría o DNI de ninguén e que daría opcións aos xogadores que demostrasen merecelas, e así o fixo con algúns homes que se consolidaron no equipo como o 'novato' Miguel Román, que encadea a pesar da súa mocidade seis titularidades consecutivas desde a súa entrada no equipo en Luanco. Antes desa data só contaba con 41 minutos repartidos en dous encontros.
Varios futbolistas móstranse como indiscutibles no once, aínda que destaca o caso da parella de centrais, Churre e David Soto, ao ser os únicos dous futbolistas que disputaron todos os minutos ata a data (990). Tamén Charles e Seoane partiron de titulares en todos os encontros, pero foron substituídos nalgunha ocasión sumando respectivamente 960 e 973 minutos, preto do pleno.
En lado oposto da balanza atópanse varios compañeiros, con só tres homes con ficha do primeiro plantel sen debutar. Son os casos de Santi Figueroa, Pablo López e Jacobo López.
Destaca especialmente Figueroa por contar con experiencia na Segunda B tras dúas campañas no equipo granate, nas que participou na primeira delas en 7 partidos (4 de titular) e o pasado ano en 11 (todos de titular). Con todo o lateral pontevedrés non está a entrar nos plans do adestrador, sendo un dos seus descartes habituais. De feito só entrou ata a data nunha convocatoria, a do encontro ante o Unión Adarve.
Na mesma situación, aínda que sen experiencia na categoría, atópase Pablo López, que tan só entrou na convocatoria da primeira xornada de competición fronte ao Compostela, sen chegar a debutar, mentres que o centrocampista Jacobo López nin tan sequera chegou a ser citado.
Dos xogadores con ficha para todos os efectos do primeiro equipo, Pacheco disputou os último 4 minutos en Carballo no empate fronte ao Bergantiños, sendo citado noutra ocasión, mentres que Samu Santos participou en dúas xornadas (Móstoles e Segoviana con 35 minutos ás súas costas).
Por outra banda Ángel Rodríguez si lle deu algún minuto a dous futbolistas con ficha do filial como Iñaki Martínez (2 minutos repartidos entre Segoviana e Coruxo) e Valetín Jaichenko (13 minutos entre Adarve e Navalcarnero).
Relacionadas:
-
A hora de Pablo López, o único granate que queda por debutar
Por Manu Otero |
-
Golpe de autoridade do Pontevedra vencendo e convencendo en Avilés (0-3)
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez avanza cambios en Avilés: "Hai que darlle unha volta a todo cando veñen dous partidos sen vitorias"
Por Diego Espiño |
-
O Avilés-Pontevedra, en horario matinal por votación popular
Por Diego Espiño |
-
O esperado derbi entre Pontevedra e Arosa na Segunda RFEF xa ten data e hora
Por Redacción |
-
A volta de Rufo, sen présa: "É certo que está a avanzar a súa recuperación pero é lenta"
Por Diego Espiño |
-
Dominio estéril do Pontevedra diante dun defensivo Navalcarnero (0-0)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |