O partido entre Arxil e Melilla, marcado polo 25N
Por Redacción
O partido do próximo sábado (19.30 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva non será un máis para o Club Baloncesto Arxil.
O equipo pontevedrés defenderá o seu liderado na Liga Feminina 2 ante o Melilla, pero é que ademais o choque será todo un berro pola igualdade e contra a violencia de xénero, xa que se incluíu dentro da campaña de sensibilización da Xunta de Galicia con motivo do 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Así o explicou este xoves en rolda de prensa a adestradora arxilista, Mayte Méndez, acompañada das xogadoras Heather Forster, Ruth Adams e Dunja Buzadzin, ademais do director do CGTD, Suso López.
"Para nós é unha actuación moi importante dentro da tempada, adoitámola conmemorar todos os anos. Hai que dar unha voz única a favor da igualdade de oportunidades dentro do deporte e contra a violencia de xénero", sinalou a adestradora.
Esta campaña de sensibilización pola igualdade de oportunidades e en contra da violencia de xénero, forma parte do plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia no que participan 102 equipos femininos de varias especialidades deportivas.
No marco da mesma está previsto que os dous equipos, Arxil e Melilla, pousen xuntos coa pancarta conmemorativa da campaña. Ademais deixarase posto na entrada do pavillón un photocall para que todas as persoas que queiran facerse eco poidan fotografarse e subir fotos ás súas redes sociais.