Jéssica Bouzas e Celia Cerviño pechan a tempada co seu mellor ranking WTA
Por Diego Espiño
A tempada tenística chegou ao seu fin e é tempo de balance para Jéssica Bouzas e Celia Cerviño, as maiores representantes do tenis provincial e que pelexan por asomar a cabeza en posicións importantes do ranking internacional e, por extensión, nos principais torneos do calendario.
Neste sentido ambas as dúas tenistas pecharon o curso coa súa mellor clasificación histórica no ranking WTA.
A maior progresión foi a de Bouzas, e é que a arousá figuraba o 16 de novembro de 2020 no posto 932 do ranking e conseguiu escalar ata o posto 352 no que figuraba o pasado 15 de novembro.
Jéssica iniciou o ano con dous títulos en torneos W15 do circuíto internacional ITF, ambos os dous no Cairo. Tamén gañaría máis adiante outro torneo do mesmo nivel en Heraklien, Grecia, e sumaría finais no W15 de Gonesse, en Francia e no W25 de Madrid.
Aos seus 19 anos a campaña foi moi especial para a tenista da Academia de Tenis Ferrer, ao poder participar como convidada na previa do Mutua Madrid Open e acudir como 'sparring' do equipo nacional nas finais da Billie Jean King Cup na República Checa.
Pola súa banda Celia Cerviño marcou o pasado 15 de novembro a súa mellor clasificación WTA no posto 574 do ranking internacional, cando xusto un ano antes figuraba no lugar 817.
A tenista pontevedresa finalizou ademais o ano conseguindo o seu primeiro título individual do curso no W15 Club Tenis de Castelló, superando o resultado de finalista que conseguira meses atrás no ITF 15.000 de Santa Margarita de Montbui. Boas sensacións para unha progesión que espera continuar en 2022 en torneos de superior categoría.
Relacionadas:
-
Jéssica Bouzas levanta o seu primeiro título do ano no W15 de Villena
Por Redacción |
-
Primeiro título individual do ano para Celia Cerviño, campioa do W15 de Castelló
Por Redacción |
-
Jéssica Bouzas, coa Selección Española nas finais da Billie Jean King Cup
Por Redacción |
-
Jessica Bouzas cae en tres sets ante a número 92 do mundo na previa do Master 1000 de Madrid
Por Redacción |