Competición castiga o Pontevedra xuvenil por aliñación indebida e dálle por perdido o seu partido contra o Pabellón de Ourense
Por Diego Espiño
O Xuíz de Competición fallou en contra do Pontevedra Club de Fútbol na reclamación aberta por unha posible aliñación indebida do seu equipo xuvenil de División de Honra no seu encontro do pasado 7 de novembro contra o Pabellón de Ourense no campo de Gatomorto, en Xeve, e que terminara nun empate sen goles.
O equipo ourensán presentou no seu momento unha reclamación xa que tras a expulsión na prolongación dun futbolista granate o Pontevedra permaneceu durante uns segundos sobre o terreo de xogo con só seis xogadores con licenza A, do seu primeiro equipo xuvenil, unha menos das obrigatorias.
Segundo explica o Xuíz da Real Federación Española de Fútbol o club pontevedrés alegou que "por causas de forza maior" disputou o encontro cun número limitado de xogadores do xuvenil A, defendendo que "non foi posible actuar doutra maneira polas circunstancias sobrevindas, que aínda contempladas na norma, entende non afectaron o desenvolvemento do xogo".
Con todo Competición entende que o Pontevedra vulnerou o artigo 223 do Regulamento Xeral, sinalando que a pesar de ter opción de contar con 22 licenzas A só deron de alta 18 "por tanto, se fose previsor neste apartado, non tería incorrido na infracción establecida no mencionado artigo 223, e puidese ter polo menos a sete xogadores do primeiro plantel no campo, sendo irrelevante a maior ou menor influencia no xogo que a situación mereza ou o tempo de duración da citada irregularidade", establece a resolución.
Por todo iso o Xuíz deu o partido perdido aos granates por 0-3 cunha multa accesoria de 300 euros, dando a posibilidade de recorrer ao Comité de Apelación no prazo de 10 días, segundo rubrica nunha resolución asinada ao 19 de novembro pero que non foi compartida pola Federación ata esta semana.
Tras este pau o Pontevedra xuvenil de División de Honra, adestrado por Roberto Feáns, quedaría con 9 puntos na clasificación tras 12 xornadas de competición, a 4 puntos por tanto da zona de salvación.
Relacionadas:
-
O Pontevedra xuvenil gaña un duelo clave pero exponse a unha denuncia por aliñación indebida
Por Diego Espiño |
-
Catro reforzos para tentar salvar o Pontevedra xuvenil do descenso na División de Honra
Por Diego Espiño |
-
Contraste na canteira granate: o filial loita polo ascenso; o xuvenil, pola permanencia
Por Redacción |
-
A RFEF dá a razón ao Pontevedra e o seu equipo xuvenil ascende a División de Honra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra xuvenil cumpre gañando ao Alondras pero será o Xuíz de Competición o que decidirá o ascenso
Por Redacción & Cristina Saiz |