O partido entre Arosa e Compostela, declarado medio día de axuda ao club
Por Redacción
Os socios do Arosa deberán pasar polo despacho de billetes para poder presenciar en directo na Lomba un dos partidos máis esperados da tempada, a visita dun histórico como a Sociedade Deportiva Compostela, actual cuarto clasificado.
A directiva arlequinada decidiu declarar o choque do próximo domingo 5 de decembro (17.00 horas) como medio día de axuda ao club.
Desta forma os abonados arosistas deberán pagar 10 euros na bancada de Tribuna e 7 euros en Preferencia e os fondos, mentres que os seguidores sub-15 non terán suplemento.
No que respecta ao público xeral as entradas fixáronse en 20 euros en Tribuna, 15 euros en Preferencia e fondos e 5 euros para os menores de 15 anos.
O Arosa confirmou ademais que antes do partido ante o Compostela renderá homenaxe ao ciclista vilagarcián Gustavo César Veloso, que decidiu retirarse tras unha longa traxectoria no pelotón profesional.