Estudan dotar de herba sintética o campo de fútbol do CEIP Xunqueira 2 e a renovación integral do seu pavillón
Por Diego Espiño
O final, polo menos en parte, aos problemas de espazo que sofren os clubs deportivos que desenvolven a súa actividade no centro urbano poderían pasar por unha instalación que, non hai moito anos, gozaba de gran actividade pero que coa proliferación dos campos de fútbol de céspede artificial foi quedando en desuso, máis aló do que lle dan os alumnos do colexio ao que pertence.
O Concello de Pontevedra encargou á firma Santos e Mera Arquitectura que elabore un estudo técnico para a renovación integral do campo de fútbol do CEIP A Xunqueira 2 e tamén do seu pavillón, considerado como unha instalación prioritaria pola súa localización.
Trátase dunha actuación de gran envergadura, e que segundo confirman fontes municipais supoñería a instalación de herba artificial no campo de fútbol, a renovación do pavillón e unha importante actuación na zona que afectaría directamente o centro de ensinanza.
En concreto a idea dos responsables municipais pasa pola creación de vestiarios propios na zona destas instalacións que mira cara ao pavillón Multiusos e o segundo campo do complexo Manolo Barreiro da Xunqueira, polo que se habilitaría unha entrada ao novo complexo para que non sexa necesario acceder polo centro educativo.
En canto ao colexio, que deixaría de poder utilizar no seu día a día a superficie do ata o de agora campo de terra, veríase beneficiado cunha actuación na zona próxima ao terreo de xogo, agora afectada por un problema coas canalizacións, e na que se adaptaría un novo espazo de recreo para goce dos alumnos.
Actualmente a firma de arquitectos, que xa deseñou outros campos de fútbol no rural pontevedrés como o proxecto premiado de Campañó ou o que está a piques de iniciar a súa construción en Salcedo, atópase ultimando os detalles do estudo técnico para esta intervención coa previsión de poder entregalo en poucas semanas.
Relacionadas:
-
Preparan unha homenaxe a Manolo Barreiro co 'rebautismo' oficial de todo o complexo deportivo da Xunqueira
Por Redacción |
-
Catro empresas optan a realizar as obras da cuberta do Pavillón da Xunqueira
Por Redacción |
-
Luns 29 de novembro, data de inicio para a reforma do segundo campo de fútbol da Xunqueira
Por Redacción |
-
A construción do campo de fútbol de Salcedo comezará antes de final de ano
Por Alejandro Espiño |
-
Recepción aos arquitectos Santos & Mera tralo seu premio internacional polo campo de fútbol de Campañó
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O campo de fútbol de Campañó, finalista nos Premios FAD de Arquitectura e Interiorismo
Por Alejandro Espiño |