O CAB Pontevedra, pola integración
Por Redacción
Contribuír á inclusión de persoas con diversidade funcional é o obxectivo do novo proxecto social impulsado por unha entidade humilde da cidade como o CAB Pontevedra.
O club de baloncesto presentou no pavillón do Frei Martín Sarmiento esta nova iniciativa, coa creación dun programa de deporte e lecer inclusivo, o CAB Social Amizade-Down.
O nome reflicte a colaboración da entidade deportiva coas asociacións Amizade e Down Xuntos Pontevedra.
Un novo equipo competirá baixo esa denominación na categoría de Minibasket feminina da Liga Zonal Arousa, facilitando a asistencia de persoas con diversidade aos partidos e traballando na posibilidade de que poidan participar en adestramentos específicos adaptados ás súas necesidades nos diferentes equipos do CAB.
"Trátase de facilitar a práctica do deporte adaptado, ao mesmo tempo que promovemos un lecer inclusivo. Fálase de educación inclusiva pero moi pouco de lecer inclusivo e se o traballo nas aulas non ten continuidade fóra, no día a día, a inclusión plena non chegará", explicou o presidente do club, Manuel Collazo.