Pase a oitavos de final de Copa para o Poio Pescamar tras vencer o Valdetires en Ferrol (1-4)
Por Redacción
O Poio Pescamar estará no bombo do sorteo de oitavos de final da Copa da Raíña, a só un paso da fase final do torneo, tras superar este mércores a eliminatoria que lle enfrontaba a domicilio ao Valdetires Ferrol.
O conxunto conserveiro foi superior ao seu rival facendo valer a categoría na que milita cada un (o Valdetires compite en Segunda División), pero tivo que empregarse a fondo para levar un encontro que non sentenciou ata os últimos minutos.
Pese ao dominio vermello e varias ocasións claras, o bo facer defensivo local fixo que o marcador non se movese ata o minuto 16, cando Anna Escribano facía o 0-1 resolvendo na área unha xogada persoal da súa compañeira Ana Rivera.
Con esa lixeira renda chegábase ao descanso, e a segunda metade non puido empezar mellor para as xogadoras adestradas por Manu Cossío ao conseguir moi pronto o 0-2, obra de Ana Rivera a pase de Julia Dupuy.
O duelo parecía encarrilado, pero o Valdetires reaccionou e no minuto 28 Ery recortaba distancias dun disparo afastado. O equipo ferrolán chegou a roldar o empate, ata que a 4 minutos para o final Luisa Mayara poñía terra polo medio para o Poio Pescamar, sentenciando pouco despois Ana Rivera tras un roubo de balón facendo o definitivo 1-4.
Relacionadas:
-
O Poio Pescamar xogarase o pase a cuartos de final da Copa o domingo de Carnaval
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar estrélase en ataque e cede no derbi ante o Ourense Envialia (1-3)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Sorte dispar para Poio Pescamar e Marín Futsal no sorteo de 1/8 de final da Copa da Raíña
Por Diego Espiño |
-
A ilusión da Copa da Raíña contaxia a Poio Pescamar e Marín Futsal
Por Redacción |
-
Goleada do Poio Pescamar sobre un Majadahonda sen opcións (5-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Poio Pescamar deixa escapar a vitoria a falta de 30 segundos (2-2)
Por Almu Dapena |