Tres puntos de ouro para o Marín Futsal tras remontar contra o Majadahonda (1-2)
Por Almu Dapena
Suma e segue o Marín Futsal coa súa sexta vitoria na máxima competición despois de vencer, con remontada incluída, ao Rayo Majadahonda. As de Raúl Jiménez conseguiron este sábado tres puntos importantísimos contra un rival directo para a permanencia.
Probou sorte o conxunto local con disparos de media distancia e levando a batuta do encontro, que obrigaba ao técnico do Marín a parar o tempo para dar coa solución e xerar opcións en ataque. Acto seguido, Jessi tivo nas súas botas o gol, pero o seu disparo estrelouse no traveseiro.
O protagonismo pasou a ser das gardametas, Lauri e Silvia Aguete, que impedían que o marcador se movese. Antes do descanso, Jessi volveu gozar dunha oportunidade á saída dunha falta para adiantar ao Marín pero non atopou o gol.
Tras o paso polos vestiarios, nunha boa triangulación ofensiva do Majadahonda, Peque finalizaba ante a gardameta visitante, que despexou o primeiro remate pero non tivo opcións no segundo.
Co marcador en contra tocáballe ao Marín a dar un paso adiante se quería sacar un bo resultado e, sen baixar os brazos, igualou o envite grazas a unha xogada persoal de Jessi, que partindo desde o á dereita, superou cun disparo cruzado á gardameta local.
Sentou como un xerro de auga fría o gol ao conxunto madrileño, que ademais quedaba en inferioridade numérica pola expulsión de Peque tras ver a segunda amarela. Aproveitando a situación, o Marín deu a volta ao marcador cun gol de María León tras pase de Gaby ao segundo pau.
Obrigado o Majadahonda a correr riscos, optou polo xogo de cinco con Lauri a tres minutos do final, pero foi o Marín o que soubo aguantar a arrancada final do conxunto local para levar tres puntos máis que saben a gloria.
MAJADAHONDA (1): Lauri; Chili, Moni, Vero e Pitxi (quinteto inicial). Tamén xogaron, Marta, Peque, Montull (segunda porteira), Andrea Feijóo, Alba Pena, Cels e Ana Cris.
MARÍN FS (2): Silvia Aguete; Gaby, Jessi, Ceci e Pau (quinteto inicial). Tamén xogaron, María León, Adriana, Lu, Dani Fleitas e Mar.
Goles: 1-0, min. 23 Peque. 1-1, min. 30 Jessi. 1-2, min. 32 María León.
Incidencias: La Granadilla. Colexiados: González Moreta e Sánchez Chamorro. Amoestaron a Ceci, Jessi no Marín e con dobre cartolina amarela Peque (30') no Rayo Majadahonda.
Relacionadas:
-
Derrota do Marín ante o Roldán a 30 segundos do final (2-1)
Por Redacción |
-
O Marín Futsal pon o broche de ouro ao 2021 noqueando o Atlético Torcal (6-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Marín Futsal e Poio Pescamar queren despedir o ano con bo sabor de boca
Por Redacción |
-
Sorte dispar para Poio Pescamar e Marín Futsal no sorteo de 1/8 de final da Copa da Raíña
Por Diego Espiño |
-
O Marín Futsal avanza na Copa da Raíña tras superar o Viaxes Amarelle (4-5)
Por Redacción |
-
Derrota do Marín Futsal na pista do flamante campión de Europa, o Burela (4-0)
Por Redacción |
-
Vitoria do Marín Futsal sobre o Alcorcón para recuperar sensacións (2-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |