O Pontevedra despide o ano contra un rival que nin marca nin se deixa marcar
Por Manu Otero
O Pontevedra deberá afrontar un encontro moi peculiar no seu último partido do ano. Os granates viaxan a Salamanca para enfrontarse a un dos rivais chamado a loitar polo ascenso de categoría ao comezo de curso pero que, a piques de finalizar a primeira volta atópase en postos de descenso e cuns pobres rexistros anotadores.
Os de Antonio Calderón son o equipo menos goleador dos cinco grupos da Segunda RFEF. En quince partidos disputados só foron capaces de anotar catro goles. O seguinte equipo menos goleador da categoría, o San Fernando do grupo IV conseguiu o dobre de tantos que os charros.
A pesar destas pésimas cifras anotadoras, a situación clasificatoria dos do Helmántico non é nin moito menos desesperada. Marchan décimo cuartos e ocupan o primeiro dos postos de descenso directo, pero están igualados a 17 puntos co Marino e a Gimnástica Segoviana, que marca os postos de salvación.
Hai esperanza para os balanquinegros porque defensivamente son un bloque moi sólido. Non anotan, pero tampouco encaixan. No que vai de liga só recibiron oito goles, un máis que La Nucía, líder do grupo quinto e conxunto menos goleado da Segunda RFEF.
Ademais, os de Calderón sacan o máximo rendemento aos poucos tantos que conseguen. Conseguiron marcar en catro partidos e gañaron os catro pola mínima. E sumaron outros cinco puntos despois con outros tantos empates sen goles. É dicir, deixaron a súa portería a cero en nove xornadas e só dous rivais, Marino e Navalcarnero, lograron meterlle dous goles.
As cifras do Salamanca contrastan coas do Pontevedra. Os de Ángel Rodríguez, con 28 goles a favor, son os máximos anotadores do grupo e só catro equipos da categoría, Córdoba (39), Osasuna B (31), Real Sociedade C (29) e Racing Rioja (29), superan os seus rexistros. Ademais, os granates só quedaron sen marcar nunha xornada, empate sen goles en Pasarón fronte ao Navalcarnero.
No plano defensivo, os de Pasarón ofrecen unha menor fiabilidade, aínda que co paso das xornadas gañaron en solidez defensiva. O Pontevedra, a diferenza do Salamanca, só foi capaz de deixar a súa portería a cero en seis partidos, todos eles a partir da sexta xornada.
Con todo, todos estas estatísticas que auguran un triunfo granate pola mínima poden facelo saltar polo aire os problemas físicos e de sancións que arrastra o Salamanca. Antonio Calderón non poderá contar cos defensas dos sancionados Luís Martínez e Fernando Romero, nin tampouco co lesionado Amaro. Con todo, recupera ao defensor Kristian Álvarez.
En liñas máis ofensivas tampouco está o cadro salmantino ao cento por cento, pois Liam Ayad e Carmona serán dúbida ata o final da semana polos problemas físicos que arrastran desde o último partido.
Relacionadas:
-
Última alegría do ano do Pontevedra vencendo o Salamanca no Helmántico (1-2)
Por Redacción |
-
"O equipo máis en forma" contra o menos goleado e goleador
Por Manu Otero |
-
Pesar no Pontevedra polo falecemento da nai de Ángel Rodríguez
Por Redacción |
-
Seoane, un asistente 'de Primeira': "Temos un obxectivo moi esixente pero estamos a gozar do camiño"
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez, tras a vitoria do Pontevedra contra o colista Ceares: "Nos costó más de lo esperado"
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra segue en modo vitoria e bate o Ceares en Pasarón (3-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Traballado triunfo do Arosa sobre o Salamanca (1-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |