As nadadoras da remuda feminina dan ás ao Galaico na Copa de España de Clubs
Por Manu Otero
A piscina olímpica do complexo deportivo Rías do Sur de Pontemuíños acolleu durante os días 22 e 23 de setembro a celebración da vixésimo sétima edición da Copa de España de Clubs de 2ª División, na que se deron cita 24 clubs de toda España e 343 deportistas de categoría absoluta.
A pesar da feroz competencia e a ausencia de nadadores de contrastado nivel como Bea Gómez e Juancho Hernández, os nadadores do Galaico, que con 26 rexistrados era o club que máis participantes achegaba, deron o mellor de si para situar ao seu club nos postos altos da táboa clasificatoria.
A máis destacada foi Antía García e as súas compañeiras do equipo de remudas. A nadadora caldense, que chegou á cita nun dos seus mellores momentos de forma da súa carreira, conseguiu para o Galaico tres medallas de ouro, prata e bronce. Destacada tamén foi a actuación de Daniel Sánchez Louzán, que conquistou un ouro; e de Nuria Payola e Bruno Rey, que redondearon a súa competición cun bronce cada un.
As dúas medallas de ouro colleitadas polo club chegaron nos 50 metros estilo libre feminino e nos 50 metros costas masculinos. Antía García detivo o crono en 26 segundos e 36 centésimas, 29 centésimas antes que a súa perseguidora do Costa Azar Rosa Peris. En 27 segundos e 41 centésimos detivo o crono Daniel Sánchez, con 10 centésimas de vantaxe sobre o segundo clasificado, Patrick Pelegrina, do Lleida.
A única medalla de prata conseguida polo CN Galaico tamén levou o nome de Antía García, conseguiuna na proba de 100 metros estilo libre. E o bronce, na de 50 metros estilo bolboreta para dar ao seu club a primeira presea do campionato. En bronce bañáronse Nuria Payola tras a carreira do 200 netros estilo libre e Bruno Rey, ao concluír terceiro a final dos 1500 metros estilo libre.
Pero mención especial merece o equipo de remudas feminino integrado por Antía García, Alicia Bouzas, Nuria Payola e Nayara Fernández, así como Ana Pérez García- Picher, que tamén contribuíu ao algunhas probas para conseguir puntos para a súa escuadra. Entre todas elas lograron situar ao CN Galaico entre os cinco mellores equipos da competición en finais tan disputadas como as do 4x100 libre (5), 4x50 estilos (5), 4x200 libre (4) e 4x50 libre (4).
Igualmente meritoria foi a actuación da nadadora Alicia Bouzas, que ademais de brillar nas remudas, conseguiu dous cuartos postos no 800 libre e os 400 estilos, así como un quinto na 200 bolboreta.