Mereceu máis o Pontevedra que o mínimo 0-1 con que se impuxo ao Rápido de Bouzas
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot
Para quen non estivese no Baltasar Pujales o mínimo 0-1 que reflectía o marcador ao termo dos 90 minutos entre Rápido de Bouzas e Pontevedra seguramente levarao a engano, pensando que a vitoria granate chegou con apuros. Apuros si, hóuboos, se ben unicamente polo curto dese marcador, que facía temer que en calquera despiste chegase o empate, pero a realidade deixou clara a superioridade visitante, nun partido que por xogo e ocasións debeu rematar nunha ampla goleada.
O equipo que adestra Manu Fernández afrontou o partido con seriedade e concentración plena. Cunha entrega total de todos os xogadores, sendo capaz de repoñerse a calquera adversidade, incluída unha nova e temperá lesión de Benja, que segue perseguido por unha especie de mal fario, que lle obrigou a abandonar o campo cando se disputara pouco máis de media hora de partido, ao resentirse novamente dos seus problemas nos isquiotibiais.
Esta vez non houbo apenas erros en defensa, nin distancia entre liñas, nin dúbidas á hora de disputar cada balón. Se exceptuamos os primeiros dez minutos de partido en que o Rápido de Bouzas foi superior, facendo dubidar ao cadro visitante, os granates mandaron no campo, fixéronse coa pelota, e foron mellores, tanto no xogo en curto, a pesar das dificultades do campo, como no fútbol directo. O único pero que opoñer é a falta de acerto para culminar a enorme cantidade de ocasións de gol xeradas, pero ata niso hai que recoñecer que o equipo non perdeu a fe ata conseguir adiantarse, cun gol de Pablo Carnero froito do traballo na presión e a insistencia en buscar a área rival.
Cun Rápido crecido comezou o partido. Os locais mandaban, pero unha xogada cambiou o signo do partido. Era o minuto 9 cando o Pontevedra monta un rápido contragolpe. O balón chega a Luismi, que é derrubado por David. A impresión dende a bancada é que o derrubamento se produce dentro da área, pero o colexiado saca fóra a falta. Lanzada por Benja, Carlos empeza a súa gran noite como protagonista, enviando o balón a corner.
Foi un aviso para o Rápido, e o sinal que necesitaba o Pontevedra para crer en si mesmo. Aínda así, ata preto da media hora non comezaría o rosario de ocasións visitantes. Primeiro tívoa Yago Vázquez á saída dun corner, pero encontrouse con Carlos. Logo Luismi, a pase de Carnero, pero o balón fóiselle por pouco.
A lesión de Benja fai saltar ao campo un Richi que resultaría providencial. No primeiro balón que toca, o miúdo dianteiro de Bueu pon a proba os reflexos de Carlos, minuto 37, e un máis tarde Pablo Carnero ten a mellor ocasión, só ante o meta rival, pero intentou picar o remate e quedóuselle curto.
Aínda habería tempo para que de novo Yago Vázquez, rematando unha falta de cabeza, só no segundo pau, mandase o balón desviado.
No medio de todo iso os granates pediron penalti por empuxón de David a David Pérez, e os locais outro por cambadela de Adrián a Gabi Misa. Nin un nin o outro o pareceron.
A segunda parte seguía polas mesmas canles, con iniciativa dun Pontevedra serio e ordenado, pero ineficaz ante a meta rival. Pablo Carnero proba fortuna cunha vaselina que se lle marcharía alta. Logo David Pérez ten a mellor e máis clara de todo o partido, nun centro medido de Richi, pero cando se cantaba o gol, o seu remate dende o bordo da área pequena, estrélase no peito dun enorme Carlos.
Os xogadores locais pediron fóra de xogo de Richi na xogada do gol do Pontevedra
Sería o preludio do que viría a continuación, porque no mesmo minuto unha acción similar de Richi, que partía dunha posición protestada pola defensa local, deixa en bandexa a Pablo Carnero, que agora non falla e fusila o único gol do partido.
Co Bouzas intentando estirarse, o Pontevedra decidiu controlar o partido sen renunciar a sentenciar cun segundo gol. Tivérono nas súas botas Pablo Carnero, que se topa de novo con Carlos, e Luismi, que a mandou fóra.
E como adoita suceder cando o marcador é apertado, non faltou o susto para os visitantes, cando no único erro de concentración da zaga granate, Sergio encóntrase cun balón en lanzamento de falta no segundo pau, pero falla no remate, mandándoo fóra.
A última sería para Richi, que eleva o balón ante Carlos, tras recibir un gran pase de Pablo Carnero, pero marchóuselle arriba.
RÁPIDO DE BOUZAS (0): Carlos (3); Fran Matos (2), David (1), Portas (2), Pablo García (1); Sergio (1), Gabi Misa (1); Pablo Fernández (1), Chema (1), Jacobo (1); e Uru (2).
Substitucións: Rubén (1) por Jacobo, minuto 46. Diz (1) por Gabi Misa, minuto 58. Oki (1) por Pablo Fernández, minuto 67.
PONTEVEDRA, C.F. (1): Edu (2); Adrián (2), Yago Vázquez (2), Miguel (2), David Feito (2); Luismi (1), David García (2), Moreira (2), David Pérez (2); Benja (1) e Pablo Carnero (3).
Substitucións: Richi (3) por Benja, minuto 36. Pablo (s.c.) por Luismi, minuto 81.
Árbitro: Adrián García Rodríguez (A Coruña), auxiliado nas bandas por Mella Fernández e Vilariño Hidalgo. Amoestou a David, Pablo Fernández e Gabi Misa, polo Rápido de Bouzas, e a Yago Vázquez e David García, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 58: Centro de Richi dende a liña de fondo, que remata a pracer Pablo Carnero.
Incidencias: Campo Baltasar Pujales (Bouzas-Vigo). Uns 150 espectadores.
VESTIARIOS:
JUAN CARLOS ANDRÿS: Non tivo reparos o adestrador local en recoñecer que non tiveran o seu día, se ben puxo pexas á xogada do gol visitante, reclamando tamén en penalti na área rival: "Eu creo que soamente fomos superiores a eles os primeiros 25 minutos, o resto foron capaces de impoñer a súa fortaleza física, non enganchamos a pelota e é certo que nos xeraron bastantes ocasións de gol, pero o resultado habería que valoralo se temos en conta que o gol vén nunha xogada de fóra de xogo. A min dime Gabi Misa que cando está para rematar na área o pegan por detrás e lle fan penalti, a outra é dubidoso se está dentro ou fóra, a de Gabi non ten dúbida de ningún tipo".
Manu Fernández: "A entrega dos xogadores foi absoluta. O resultado non só é xusto, senón escaso"
MANU FERNÁNDEZ: Contento polo xogo e resultado, pero lamentando as ocasións desperdiciadas, o técnico granate valorou así o partido do seu equipo: "Claro que houbo temor, porque o resultado era curto, despois de ter un montón de ocasións para resolvelo antes, pero quedamos cos tres puntos, que é o importante. ÿ verdade que os primeiros minutos sufrimos un pouco, xa o falaramos, que había que ser prácticos ao principio, e nos custou un pouco entrar no partido, pero en canto nos asentamos o partido foi noso. Sen menosprezar o rival, creo que fomos ampliamente superiores contra un equipo que aquí gañou ao Deportivo B e levaba cinco xornadas sen perder, dominando todas as facetas, tanto defensivas coma ofensivas. Pena de non acertar máis co gol, pero a falta dese acerto a entrega dos xogadores foi absoluta, inmellorable, para min, e ese é o camiño. Eu non vexo se hai fóra de xogo na xogada do gol, pero eu tamén podo reclamar un penalti na primeira parte a David Pérez, aínda así o resultado non só é xusto, senón escaso. Eles case non nos tiraron a porta e merecemos a vitoria".