Un inicio de ano con festa para o atletismo no CGTD
Por Redacción
O 2022 empeza cunha xornada de actividade deportiva o en Centro Galego de Tecnificación Deportiva grazas ao IV Torneo de Reis organizado polo Club Atletismo Rías Baixas.
A competición terá lugar o vindeiro mércores 5 de xaneiro, coa presenza de máis de 400 deportistas de todas as categorías e chegados desde diferentes puntos de Galicia.
Entre eles, segundo sinalaron os responsables do evento na súa presentación, estarán varios dos mellores especialistas galegos en probas como os 200 e os 800 metros, como son Cristina Garrido, Lucía Ferrer, Alberto Pérez, Jacobo Soler, Cristian Montecelo, Jemal Samson ou Xela Martínez, atleta con gran proxección internacional en categoría sub-16.
"Aínda que competirán deportistas de elite, o principal obxectivo deste Torneo de Reis é que gocen os nenos e nenas", asegura Gonzalo Méndez, presidente do Rías Baixas, explicando que "dispoñeremos dun protocolo ríxido que imos cumprir entre as 10:00 e as 14:00 horas".
Pola súa banda o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, destacou "a elevada contribución da canteira do Atletismo Rías Baixas a este evento, no que tomarán parte 70 mozos do club organizador, que o ano pasado apenas tiña unha vintena de atletas e cuxo proxecto non para de crecer".