Nove incorporacións para o segundo proxecto do Farto en categoría profesional
Por Redacción
O Team Farto – BTC prepárase para o seu segundo ano como equipo profesional UCI Continental, unha tempada na que parte co obxectivo de asentarse na categoría e tentar dar a badalada nalgunhas das carreiras nas que se presente.
Para iso o equipo dirixido por Brais Dacal deulle un bo lavado de cara ao equipo pechando ata nove incorporacións, das que cinco proceden do mercado internacional.
Con elas, xunto coas renovacións da viguesa Carla Fernández, a padronesa Sabela Rey e a valenciana Pilar Jiménez, esperan dar un salto de calidade.
Catro destas fichaxes están chamados a liderar ao equipo: Marta Romeu, que procede do VIB-Natural Greatness; a chipriota Antri Christoforou procedente do Burgos Alimenta; a canadense Marie- Soleil Blais, exciclista do Astana; e a mexicana Ariadna Gutiérrez, que chega desde o equipo Monex.
Ademais aterran no Team Farto a ponteareá Claudia García Salgado procedente das categorías inferiores do club, a moza letona Lina Svarinska, a surafricana Azulde Britz, e as españolas Marta Rosillo e Marga Capellà.
"Logramos unha boa mestura entre mocidade e experiencia, entre o nacional e o internacional", asegura o director deportivo do equipo, Brais Dacal, defendendo que "a confección do plantel adáptase ao que un equipo como o noso debe ser: dar oportunidade a novos talentos para que se formen e estar liderado por ciclistas expertas con marxe de progresión".
Pola súa banda o presidente do club, Abel Farto, cre que "este ano o proxecto vai despegar", á vez que ten "moita ilusión posta tamén no equipo elite masculino e as categorías inferiores".
Relacionadas:
-
Prometedor inicio de tempada para o Farto, cun segundo posto no Trofeo Costa de Almería
Por Redacción |
-
O Team Farto presenta o equipo para a súa segunda tempada na elite
Por Redacción |
-
O Team Farto renova a súa licenza de categoría UCI Continental
Por Diego Espiño |
-
Carla Fernández, renovación co Team Farto e convocatoria para o Europeo de Ciclocrós
Por Redacción |