Toni Otero descarta reforzos no mercado de inverno: "É o compromiso que temos co plantel"
Por Diego Espiño
A xanela de fichaxes do mes de xaneiro será tranquila por primeira vez en moito tempo no Pontevedra Club de Fútbol. Así o avanzou este martes en rolda de prensa o director deportivo granate, Toni Otero, descartando que se produzan movementos salvo contratempo inesperado.
"Seguiremos como estamos", asegurou a pesar de contar cunha ficha sub-23 dispoñible. "O mercado tentaremos non tocalo, é o compromiso que temos co plantel, para que estean tranquilos".
Otero comprometeuse a non dar ningunha baixa salvo petición expresa dalgún xogador, algo que non sucedeu, sobre todo despois da alta médica de Rufo tras unha lesión coa que "estivemos preocupados" chegando a plantexarse a incorporación dalgún dianteiro.
Toni Otero: "Foi un acerto grande que Ángel estea con nós, creo que a idea de xogo é a que todos queremos e o equipo foi crecendo baixo a súa tutela"
"Tanto Ángel como eu estamos encantados co plantel", defendeu o director deportivo, quen tamén encomiou a figura do técnico: "Temos que ter a felicidade de que estea aquí. Foi un acerto grande que Ángel estea con nós, creo que a idea de xogo é a que todos queremos e o equipo foi crecendo baixo a súa tutela".
Preguntado respecto diso, o máximo responsable da parcela deportiva confirmou tamén que o club non sentou a negociar aínda ningunha renovación, xa sexa de xogadores, membros do corpo técnico ou da propia dirección deportiva. "Os directores deportivos estamos para aconsellar e dicir o que é mellor dentro do noso criterio, pero hai xente que manda, por suposto que eu non fago todo o que quero. Hai unha presidenta, eu téntolle dicir, discuto moitísimo con ela, porque diso se trata, que deamos a nosa opinión, pero despois ela é a que ten que decidir o camiño para seguir", sinalou sobre esta cuestión.
A nivel individual Otero tamén se referiu ao rendemento dalgún dos futbolistas, encomiando o bo estado de forma de Yelko Pino ou valorando a unha das grandes sorpresas da tempada como Miguel Román, do que "non tiven nunca ningunha dúbida, eu creo de feito que aínda está por baixo do rendemento que ten que dar. Miguel ten moitas cousas que mellorar, está a dar un nivel moi grande e é un xogador interesante e importante, pero como o é Javi que é un profesional como un templo", declarou.
No debe desde a súa chegada ao Pontevedra seguen estando algúns aspectos, como a falta de instalacións ou persoal para a base e tamén a situación do céspede de Pasarón que "está nun estado moi complicado", polo que "pido un esforzo grande á xente que ten que arranxalo porque vai depender moito o xogo do equipo como estea".
Toni tamén fixo unha chiscadela na súa intervención á bancada, sinalando que "a comuñón entre afección e equipo está no camiño correcto", un aspecto importante de cara ao obxectivo que segue estando na cabeza de todos, que "segue sendo ascender e facelo de maneira directa".
Relacionadas:
-
Peche de mercado sen sobresaltos para o Pontevedra e os seus rivais polo ascenso
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra segue de doce ata nos amigables e derrota o Celta B en Barreiro (2-4)
Por Redacción |
-
Diego Seoane pon voz ao bo momento do Pontevedra: "Este ano estoume divertindo como un anano"
Por Diego Espiño |
-
Organizan unha viaxe en autobús gratuíta para apoiar o Pontevedra na súa visita ao Compostela
Por Redacción |
-
Tres partidos de sanción a Moncho por gritarlle ao árbitro asistente "vas a velo na tele"
Por Diego Espiño |
-
O Compostela, próximo rival do Pontevedra en liga, en alerta pola pandemia
Por Diego Espiño |
-
Rufo recibe a alta médica e empeza a adestrar co grupo
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez: "Ha sido el partido más completo de la temporada"
Por Almu Dapena |
-
Remontada do Pontevedra ante o Cristo Atlético para empezar o ano cun sorriso (4-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |