Bos resultados para o Mat's Marín e o Mace Sport no XVI Open Internacional Cidade de Pontevedra
O XVI Open Internacional de taekwondo Cidade de Pontevedra volveu converter á cidade do Lérez nunha cita obrigada para os amantes deste deporte. Ao redor de 1.300 deportistas de 62 clubs de Galicia, Madrid, Castela e León, País Vasco, Andalucía e Portugal mediron as súas forzas durante toda a fin de semana no Pavillón Municipal dos Deportes, ao que se achegaron, como é habitual, centos de afeccionados.
En canto á competición, poucos equipos poden presumir de tanto éxito como o Mat's de Marín. Súas foron tres medallas de ouro nos combates de categoría absoluta. Pablo Fernández en peso pesado ( 87 kg), Damián Garrido en peso medio (-87 kg) e Katia Calvar en peso lixeiro (-62 kg). Só lle foi mellor ao Natural Sport de Riveira, que logrou catro títulos, tres en categoría masculina e un en feminina.
Os mellores resultados do Mace Sport, club organizador desta competición, chegaron da man de Miguel Ángel Cortegoso, prata en peso mosca (-58 kg); o mesmo posto que Leire Arbizu en peso mosca feminino (-49 kg). Ademais, Xian Silva, flamante subcampión de Europa junior, logrou a medalla de bronce en peso lixeiro (-74kg).
Os éxitos dos equipos pontevedreses repetíronse nas categorías inferiores. O Mace Sport foi o mellor conxunto en categoría cadete masculino, en master masculino e feminino e en junior feminino. O Taekanart, tamén de Pontevedra, foi o máis laureado en infantil masculino; mentres que o Mat's de Marín, ademais da súa segunda praza en absoluta masculina e a terceira en feminina, foi o mellor en infantil feminino.
Podes consultar aquí os resultados completos.
Tal e como prometeron os seus organizadores, o Open Cidade de Pontevedra caracterizouse pola súa innovación. Contou con nove zonas de combate e con pantallas xigantes, coas que se apostou polo sistema de 'vídeo replay', que fixo as delicias do público.
A competición continuou o domingo coas probas de pumses individual e por equipos e a disciplina de Freestyle, na que se incorporou por primeira vez a modalidade infantil. Xa pola tarde foi a quenda das exhibicións de cada unha das disciplinas que participaron nun torneo que se converteu nunha referencia do taekwondo nacional.