A dobre campioa olímpica rusa Vlada Chigireva, de clinic en Pontevedra
Por Redacción
A natación artística pontevedresa e galega ten unha cita imprescindible esta fin de semana, os días 15 e 16 de xaneiro, coa visita á cidade de toda unha dobre campioa olímpica, Vlada Chigireva.
A nadadora rusa, ouro en Río 2016 e Tokyo 2020 e cun palmarés que engrosan ata 26 medallas internacionais en mundiais e europeos nos últimos anos, protagonizará un clínic en Pontevedra organizado polo Club Galaico Sincro co apoio do Concello.
Trátase dun curso intensivo de formación pensando especialmente para adestradoras desta disciplina deportiva, aínda que tamén se dará acceso nas dúas últimas horas do domingo 16 a todas as deportistas dos clubs de natación artística de Pontevedra e Galicia, así como únaa pequena representación portuguesa.
O evento desenvolverase tanto o sábado 15 como o domingo 16 en horario de 10.00 a 14.00 na piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños. Ademais o domingo organizarase de 17:00 a 19:00 horas no Pazo da Cultura unha mesa redonda coa medallista rusa na que tamén participarán o edil de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño; a delegada de Natación Artística da Federación Española, Belén Álvarez; e o cónsul honorario da Federación Rusa en Galicia, Pedro Mouriño.
O Clínic Cidade de Pontevedra de Natación Artística foi presentado este venres, explicando que a oportunidade de traer a Vlada Chigireva a Galicia xurdiu pola relación de amizade que mantén co seu compatriota Vitoria Bogma, adestradora do Galaico Sincro e que na súa infancia compartiu adestramentos con ela na localidade de Rostov.
Tal e como defendeu o concelleiro de Deportes, as participantes no clínic "van ter diante á mellor do mundo, o que supoñerá un salto de mellora técnica moi importante", ademais de "un estímulo para que aqueles que estean interesados en practicar algún deporte valoren a posibilidade de inscribirse e de participar na natación artística".
"Ensinaranos cousas novas, outras maneiras de traballar e, o que eu considero máis importante, que as nenas vexan en persoa meterse na auga e nadar a unha nadadora de 26 anos é igual que elas, de carne e óso", sinalou á súa vez o presidente do Club Galaico Sincro, José Maquieira.
Relacionadas:
-
A medallista olímpica Vlada Chigireva despídese de Pontevedra cunha recepción no Concello
Por Redacción |
-
Unha 'master class' con sabor a ouro olímpico
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A pontevedresa Daniela Suárez, co equipo nacional infantil de natación artística
Por Redacción |
-
Derrubando tabús coa natación artística masculina
Por Redacción |
-
Experiencia rusa para o Galaico Sincro
Por Redacción |