Unha 'master class' con sabor a ouro olímpico
Por Redacción & Cristina Saiz
A dobre campioa olímpica rusa Vlada Chigireva visitou esta fin de semana Pontevedra para dar un curso intensivo de formación especial para adestradoras de natación artística.
Organizado polo Club Galaico Sincro co apoio do Concello, Chigireva ofreceu durante os días 15 e 16 de xaneiro no Complexo Deportivo Rías do Sur unha 'master class' en horario de 10:00 a 14:00 horas.
Ademais, todas as deportistas de natación artística de Pontevedra, Galicia e parte de Portugal que desexaron asistir á cita ofrecida pola medallista olímpica puideron facelo durante as dúas últimas horas do domingo.
Como colofón á actividade, o domingo celebrouse no Pazo da Cultura unha mesa redonda na que a que a nadadora olímpica expuxo diversos aspectos da súa vida e experiencia. Os nenos e nenas asistentes pecharon o acto cunha rolda de preguntas.
Na mesa tamén participaron o edil de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño; a delegada de Natación Artística da Federación Española, Belén Álvarez; e o cónsul honorario da Federación Rusa en Galicia, Pedro Mouriño.