Clase de superación persoal dos nadadores Chano Rodríguez e Marcos Castro ao alumnado do IES A Xunqueira II
Por Manu Otero
O alumnado do primeiro curso da ESO do IES A Xunqueira II iniciou a semana cunha visita moi especial. Os nadadores Chano Rodríguez, con seis participacións en Xogos Paralímpicos ás súas costas, e os prometedor Marcos Castro, dobre campión autonómico de natación adaptada con só 15 anos. Ambos os deportistas compartiron unha amena charla cos estudantes sobre a súa vida deportiva e a forma en que superaron as súas limitacións.
No salón de actos do centro educativo reuníronse preto dun centenar de alumnos e alumnas. O acto comezou coa presentación dos dous protgonistas e continuou coa proxección dun vídeo sobre o deporte paralímpico narrado polas principais figuras galegas, entre eles Chano Piñeiro ou a triatleta Susana Rodríguez.
De romper o guion establecido encargouse moi rápido o dezaseis veces medallista paralímpico, que tomou a palabra ao finalizar o vídeo para dirixirse ao público e comezar a responder as preguntas dos asistentes, cos que chanceou sobre a súa idade. Ninguén foi capaz de adiviñar que o laureado nadador do CN Galaico cumpriu xa os 65 anos.
Pola súa xuventude, máis tímido mostrouse Marcos, que explicou como descubriu a natación como unha forma de terapia e recuperación para pasar moi pronto a ser a súa paixón. Aínda que ten un enorme potencial, os seus inicios non foron sinxelos, explicou, e tivo que perseverar moito para chegar a formar parte do CN Galaico e comezar a competir.
"As persoas con discapacidade non somos enfermos", deixou claro Chano, sinalando tamén que "todos temos limitacións" e animando a toda a audiencia a "traballar duro" para superar as dificultades que se irán atopando ao longo das súas vidas.
A cita concluíu coa proxección doutro vídeo sobre os momentos máis destacados da carreira do medallista paralímpico.