A medallista olímpica Vlada Chigireva despídese de Pontevedra cunha recepción no Concello
Por Redacción
Despois de ofrecer un clinic deportivo ao longo da pasada fin de semana, a campioa olímpica de natación artística Vlada Chigireva compartiu un anaco do seu tempo co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e co concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
A deportista de nacionalidade rusa logrou o ouro en Río 2016 e Tokyo 2020 e conta cun palmarés de até 26 medallas internacionais en mundiais e campionatos europeos. Chigireva deixou a súa pegada no Complexo Deportivo Rías do Sur en dúas xornadas organizadas polo Club Galaico Sincro.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compartiu unha conversa distendida coa nadadora, amais de agasallala cun colgante de San Francisco que levará de volta para a súa terra. Chigireva confesou estar «encantada» coa cidade, facendo fincapé na gastronomía e no cómoda e fermosa que é. O rexedor, pola súa banda, lembroulle que pode regresar cando queira, que queda invitada a pasear de novo polas súas rúas e a traballar e colaborar coas deportistas da cidade.
Lores destacou o importante deste tipo de visitas, da chegada de referentes de calquera eido á hora de permitir coñecer e visibilizar deportes que non contan cun apoio masivo, e que achegamentos como este axudan ao seu crecemento.