O aumento da incidencia obriga a aislar deportistas de todas as seccións do CGTD
Por Manu Otero
O vertixinoso incremento de positivos por covid-19 co que se despediu 2021 e chegou o 2022 déixase notar tamén no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. As notificacións de positivos desde o inicio das clases o pasado 10 de xaneiro producíronse en case todas as seccións deportivas do complexo pontevedrés, obrigando mesmo a confinar grupos de adestramentos ao completo para evitar que os contagios se descontrolen.
"Educación non obriga a illar aos contactos estreitos dos positivos. Pero por precaución preferimos facelo así porque o noso caso é diferente. Os alumnos adestran xuntos e conviven na residencia. O que queremos evitar é que se produzan brotes na residencia", explica o director do CGTD, Jesús López.
Para monitorar o nivel de incidencia, cada semana son sometidos a probas de antíxenos a metade dos compoñentes de cada un dos grupos de adestramento. E á seguinte semana, tócalles aos restantes. Este mecanismo, que se manterá ata superar o pico desta onda, permite detectar rapidamente os positivos e actuar de forma inmediata.
Ao finalizar as vacacións de Nadal, todos os deportistas foron sometidos a probas de antíxenos. Neste cribado, foron detectados casos positivos (ou contactos estreitos de positivos) nas seccións de vela, piragüismo, bádminton e loita. Os afectados xa non se incorporarón á actividade ata que superaron a enfermidade.
Con todo, co curso xa renovado, os casos positivos seguíronse detectando afectando a seccións como a de piragüismo, co contaxio dun deportista externo; a de karate, cun deportista contaxiado despois dunha concentración de adestramento celebrada durante a pasada fin de semana; ou ao grupo de rendemento de tríatlon, con catro positivos nas súas filas, entre eles o triatleta que pechou o 2021 como número uno do ranking mundial, Antonio Serrat. Unha situación que obrigou a confinar a estes dous últimos grupos de adestramento nos seus domicilios.
Nestes casos xa se atopan na recta final da corentena, pero antes de reincorporarse á rutina de traballo do CGTD deberán someterse a un novo cribado de antíxenos porque o Sergas xa non realiza PCRs a aqueles pacientes que completaron os sete días de corentena sen presentar síntomas da enfermidade nos tres días anteriores a recibir o alta.
"Nós preferimos facelo por precaución", insiste, desexoso de superar dunha vez por todas esta última onda, o director do centro, no que manteñen vixente o protocolo de control e prevención que implantaran ao comezo do pasado curso.
Relacionadas:
-
O protocolo anticovid da volta ao cole deixa ao Ximnasia Pontevedra sen pavillón para adestrar
Por Manu Otero |
-
Os test serolóxicos realizados a deportistas e adestradores do CGTD, todos negativos
Por Redacción |
-
O CGTD pon en marcha o novo curso escolar coa chegada de todos os deportistas de tecnificación e rendemento
Por Redacción |