O futbolín granate de valor incalculable que conecta o corazón de tres xeracións
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Era un trasto destartalado e agora é unha xoia cobizada por moitos. Pero nin todo o diñeiro do mundo podería comprala. "Foi un agasallo de Reis, téñolle moito agarimo, non podería vendelo". Fala Fran Poza, un socio fiel do Pontevedra que Twitter lanzou á fama despois compartir o resultado da restauración do seu futbolín coas cores do Pontevedra e o nome dos seus xogadores.
Pero non foi o amor polo equipo do seu barrio, vive a escasos metros de Pasarón, o que o levou a customizar este cachivache, senón o amor cara á súa filla e o seu pai, ao que perdeu non fai moito. "O meu pai era un fanático do Pontevedra, á miña nai cando viu como quedou o futbolín saltábanselle as bágoas. Dicíame: 'se puidese velo o teu pai...", relata emocionado este infatigable asistente cada domingo ao templo do Burgo.
Todo comezou uns meses antes do Nadal do pasado ano. "Tiña o futbolín feito po e decidín pintalo", contextualiza Poza. Foi entón cando apareceu a súa filla, unha nena de 12 anos máis namorada do Pontevedra que o seu propio pai. "O peor castigo que lle podo poñer é non deixala ir o domingo a Pasarón", ilustra o proxenitor.
A pequena, ao velo metido de cheo na restauración do futbolín, pediulle que pintase aos xogadores coas cores do Pontevedra. "Vale, por que non?", díxolle. Logo animouno a poñerlle o escudo do equipo do seu corazón e despois o nome e o número dos seus ídolos, no que Charles ocupa o lugar máis elevado do seu particular altar.
"Eu non son ningún manitas", admite o improvisado artista. "Foi un constante borrar e volver empezar", recoñece Poza, que tivo que realizar unha rápida tarefa de documentación para plasmar todos os detalles do escudo e reciclar vellos pinceis para poder replicarlos con precisión. "O que ía ser un traballo dunha ou dúas semanas acabou durando case dous meses", confesa orgulloso do resultado.
A elección do rival dos granates tampouco foi casualidade. "A miña muller é da Coruña, así que o outro equipo tiña que ser á forza o Deportivo, pero con eles pareime menos", confesa entre risas pero deixando claro cales son as cores que imperan na familia.
Máis aleatoria foi a elección da aliñación e os trazos dos xogadores. "Os peiteados e as expresións non teñen nada que ver coa realidade", puntualiza antes de que xogadores como Churre, cuxa cara está inspirada nas máscaras das personaxes da Casa de Papel, se escandalicen.
"A elección da maioría dos xogadores foi ao azar, os únicos que non podían faltar son Churre, Álex González e Charles", afirma Fran sen poder evitar desfacerse en eloxios cara aos seus tres xogadores favoritos.
O resto foron froito dunha mestura de sinxeleza na escritura, simpatía, gusto futbolístico ou rendemento sobre o céspede. "Está Santi porque é o canteirán, Seoane porque me gusta moito como xoga, Yelko porque é doutra categoría, Román porque é o descubrimento da tempada, Javi Rey porque é de casa e Rufo, que é o único que ten un parecido coa realidade porque non lle puxen pelo", detalla o creador dun once que podería asinar o propio Ángel Rodríguez. "Quedoume Brais atrás", engade pedíndolle desculpas.
Coa obra de arte terminada, chegou o momento de compartila con amigos e seres queridos. Tan boa foi a acollida que se atreveu a subila a Twitter, única rede social que utiliza este granate para estar ao tanto da actualidade. Mencionou a un par de contas centradas no día a día do Pontevedra que non tardaron en retuitear o seu vídeo. O resultado? De vinte a 2.000 reproducións en escasas horas.
Dale Ponte!! pic.twitter.com/mkGfZlwV9u
— Fran Poza (@fmpoza) January 10, 2022
"Os amigos xa me están dicindo que a ver cando os chamo para estrealo, pero non me atrevo, dáme pena que se estrague", confesa o creador dunha peza que, de existir, non podería faltar no museo do Pontevedra Club de Fútbol.