Os mellores xogadores de billar de Galicia cítanse esta fin de semana en Pontevedra
Por Redacción
O billar pasará esta fin de semana ao primeiro plano da axenda deportiva da cidade coa celebración dunha nova edición do Open Cidade de Pontevedra Bóla 9 no que participarán os 32 mellores xogadores de Galicia.
Organizado polo Pool Pontevedra Billiard Club en colaboración coa concellería de Deportes, o torneo desenvolverase entre a mañá do venres 21 e o domingo 23 de xaneiro. O sistema de competición dividirá aos participantes en catro cuadrantes de oito xogadores, dos que os dous mellores clasificaranse para unha final a oito.
A competición terá lugar nas instalacións do club, situadas no número 15 do lugar de Vilafranca. Para facilitar o seguimento do campionato, todos os enfrontamentos serán retransmitidos en directo pola canle de Youtube da entidade organizadora.
A fase final do evento está prevista para o domingo a partir das 17 horas coa participación dos oito xogadores que superasen as fases previas, que se decidirán entre o venres e o sábado.