Crece o número de inscricións internacionais para o Xacobeo 6 mR Worlds
Por Redacción
A exposición do Real Club Náutico de Sanxenxo na Feira Internacional de Turismo de Madrid empeza xa a dar os seus froitos. Esta fin de semana xa se recibiron once novas inscricións dalgunhas das frotas máis importantes da clase 6 Metros como as de Canadá, Estados Unidos, Finlandia e Alemaña.
Cun elevado ritmo de inscricións desde principios de ano, sumado ás vinte e oito unidades que xa se atopan en Sanxenxo desde o pasado verán, a tempada de 2022 que comezará o 18 de marzo coa primeira proba da Copa de España preséntase con moita competitividade de fronte ao Xacobeo 6 mR Worlds do mes de xuño.
O presidente da clase 6 mR en España, Mauricio Sánchez-Bela, móstrase moi ilusionado coas novas incorporacións na inscrición do Mundial: “É unha gran lombeirada a este proxecto de Europeo e Mundial que desde hai anos vimos xestando desde Galicia. En breve haberá outras grandes figuras da vela mundial que tamén se sumarán ao Xacobeo 6 mR Worlds”.
Pedro Campos, presidente de Real Club Náutico de Sanxenxo, mostrouse entusiasmado coa noticia destas novas inscricións só uns días despois da presentación do Xacobeo 6 mR Worlds na caseta de Galicia en FITUR: “Sen dúbida o apoio institucional que a Xunta nos brindou para facer a presentación en Madrid é un gran impulso para que os grandes armadores e as grandes figuras da vela mundial veñan a Galicia”.
O Xacobeo 6 mR Worlds celebrarase en Sanxenxo desde o día 10 ata o 18 de xuño, pero antes, desde o mes de marzo, comezarán as series da Copa de España con citas de tres días cada mes ata o mes de novembro como serie final da tempada 2022.
Relacionadas:
-
Sanxenxo estreará a súa propia liña de roupa en Fitur
Por Redacción |
-
Telmo Martín destaca a experiencia de Sanxenxo na presentación do Campionato do Mundo de Vela
Por Oskar Viéitez |
-
A axenda de Sanxenxo en Fitur bota a andar con novo material turístico de praias, patrimonio e paisaxes
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen, preseleccionada polo equipo nacional para o novo ciclo olímpico de París 2024
Por Diego Espiño | Creada e actualizada