San Brais recupera este domingo a súa clásica e multitudinaria carreira popular
Por Manu Otero
Cinco anos despois, o barrio de San Brais recupera a súa tradicional carreira popular. Será o domingo 30 a partir das 12.30 horas cando se dea o pistoletazo de saída da décima edición da carreira, que reunirá a máis de 120 corredores sénior e outros tantos menores na contorna do centro comercial de Carrefour.
"É unha carreira moi especial, con dificultade poque os corredores de carreiras populares necesitan elementos de dificultade para facer atractiva a carreira", explicou, moi satisfeito pola recuperación deste evento, o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, durante a presentación da cita. Neste sentido, esperan desde o Concello que aos poucos se vaia recuperando o calendario de carreiras populares na cidade.
Desde a Asociacion Veciñal Salcedo Norte móstranse moi orgullosos pola boa acollida que tivo este iniciativa entre os veciños do barrio. "Despois de tanto tempo, é unha grata sorpresa que queiran recuperar isto", agradece a presidenta do colectivo, Mónica Lustres.
No plano deportivo, a actividade comezará ao redor das 10.30 horas coas primeiras carreiras infantís. Haberá sete carreiras para sete categorías. A proba reina está prevista para as 12.30 horas con saída e meta desde o centro comercial para completar un percorrido de 6,5 quilómetros por diferentes lugares dos barrios de San Brais e Salcedo.
O período de inscrición manterase aberto ata o mércores e desde a organización están seguros de que a participación volverá ser un éxito. "Esta carreira sempre tivo moita aceptación porque serve para saber como foi a fase invernal de traballo. É un test de avaliación para os próximos compromisos", explica o excorredor e membro do colectivo veciñal, Jose Victorio Moure.