Ángel Rodríguez, "bastante desgustado" polo estado do céspede de Pasarón
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol, tras o seu empate fronte ao Compostela, quere volver este domingo 30 de xaneiro (17.00 horas, Pasarón) á senda do triunfo na visita do Móstoles para así seguir presionando o líder Unión Adarve.
Para iso os granates, que perden dous homes importantes como Seoane por lesión e Yelko Pino por sanción, necesitan que cada peza da súa engrenaxe volva funcionar á perfección. Con todo hai un aspecto que inquieta e moito ao corpo técnico, o estado do céspede do Estadio Municipal de Pasarón.
A pesar das escasas choivas que caeron polo momento este inverno "o campo témolo con moita area, vai estar moi pesado e creo que vai ser unha complicación máis que imos ter", recoñece un Ángel Rodríguez que asegura estar "bastante desgustado" por este asunto.
"Despois de xogar o día 12 de decembro na casa, volver xogar mes e medio despois entendemos que tiña que está mellor do que está", defende o técnico granate ao ser unha circunstancia importante para un equipo que, como o seu, basea o seu xogo na combinación e ao que lle gusta ter a iniciativa.
"Se un equipo quere ser combinativo o mellor que ten que ter é o campo. É importante facer fincapé en que Pasarón debe estar mellor do que está", incide Rodríguez.
Polo demais o preparador do Pontevedra avanza que a pesar das ausencias "en principio non imos variar nada" en canto a esquema, polo que serán dous cambios no once de home por home dando oportunidade a xogadores que non gozaron de todos os minutos que lles tería gustado. "Isto é cojonudo", asegura, xa que "hai xente que está a demandar xogar. Esperemos que poña todo no asador, que salga ben e que poidan seguir".
O que aínda non apunta ao once é Rufo, tras a súa reaparición en Santiago, xa que o dianteiro "creo que non está para 90 minutos no físico, no aguante. Se o poño de inicio vai aguantar 50-60 minutos, entón hai que valorar se me compensa ao principio ou ao final" explicou Ángel Rodríguez.
O encontro ante o Móstoles, sexto clasificado, será arbitrado polo cántabro Francisco Puente Crespo, colexiado que esta campaña xa coincidiu nunha ocasión cos pontevedreses, en concreto no triunfo por 0-3 a domicilio fronte ao Marino de Luanco na sexta xornada de liga.
Relacionadas:
-
Goleada ante o Móstoles dun Pontevedra que encadea a súa novena xornada sen perder (4-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Javi Rey e Romay, candidatos ao once inicial ante a baixa de Yelko Pino
Por Diego Espiño |
-
A resonancia magnética rebaixa a alerta sobre a lesión de Seoane
Por Manu Otero |
-
Unha escordadura de nocello deixa no dique seco a Seoane
Por Redacción |
-
Un discutible penalti priva ao Pontevedra da vitoria en San Lázaro (1-1)
Por Manu Otero |