O TM Monte Porreiro non pode co invicto líder Asisa Borges Vall (0-4)
Por Redacción
Era unha cita especial, pero o TM Monte Porreiro non puido celebrar con vitoria o premio Cidade de Pontevedra. O equipo pontevedrés caeu con claridade no seu partido contra o líder invicto Asisa Borges Vall, que gañou os catro enfrontamentos pero con máis apuros do que reflicte o resultado.
No primeiro duelo Viktor Sven derrotou pola vía rápida ao local Miguel Ángel Vilchez. Máis disputado estivo o segundo partido do día no que Martín Bentancor quedou co mel nos beizos fronte a Vïctor Lillo, nun choque no que o xogador do equipo pontevedrés venceu o primeiro e terceiro xogo. O punto decidiuse no quinto xogo, no que a igualdade foi máxima e acabou decantándose ao lado visitante por 12 a 14.
Ao quinto xogo chegou tamén o seguinte partido que enfrontou a Nicolás Daniel Galvano con Joan Masip. O local comezou con dúas derrotas, pero soubo reaccionar para gañar as dúas seguintes partidas. No quinto xogo, Masip non fallou e certificou o triunfo.
Coa vitoria xa no peto, o último enfrontamento levoullo pòr a vía rápida o Asisa Borges Vall grazas ao triunfo en tres xogos de Lillo sobre Vilchez.
Á marxe do resultado, a xornada tivo un marcado ambiente festivo. Para celebrar o día do patrón da cidade, San Sebastián, e o premio Cidade de Pontevedra, o club organizou diferentes actividades paralelas como unha exhibición do Club Treboada, así como unha xornada de portas abertas para descubrir este deporte.