Peche de mercado sen sobresaltos para o Pontevedra e os seus rivais polo ascenso
Por Manu Otero
Damiá Sabater, Pitu, José García, Adrián Cruz, Álvaro Bustos, Borja Domínguez, Éder Díez, Darío Flores, Eneko Eizmendi, Antonio Bello, Hugo Rodríguez, Álvaro Muñiz, Rubén Lobato, Pedro Crespo, David Pérez, Óscar Martínez, Yahvé, Rubén Pardo, Fran Amado, Antonio Moreno, Igor de Souza, Renan, Javi Rodríguez... Ata xaneiro do 2007 hai que retroceder para atopar un mercado de inverno tan tranquilo nas oficinas de Pasarón.
A boa marcha do equipo, segundo clasificado e cunha xeira de nove partidos sen perder, unido ao bo rendemento de todos os xogadores, ás poucas lesións e ao bo ambiente que se respira no vestiario conduciron, por primeira vez en 15 anos a que o Pontevedra non acudise ao mercado de fichaxes en busca de reforzos. Algo que este ano tampouco fixeron outros dos seus rivais polo ascenso como o Compostela ou o Navalcarnero. Si que o fixo, en cambio, o líder Unión Adarve, que deixou ir a Quique Sánchez, para inscribir ao centrocampista Carlos Llamas, procedente do Sanse de 1ª RFEF, categoría na que non estaba a ter minutos.
Tamén houbo movementos no equipo que pecha os postos de fase de ascenso e próximo rival do Pontevedra. O Leganés B incorporou a catro novos xogadores, entre os que destacan o mediocentro Caio Lopes, procedente do Vasco da Gama; e o extremo cedido polo Atlético de Madrid, Luís Anxo Forcén. Pola contra, perderon o centrocampista Cassio Júnior, cedido ao Atlético Baleares.
A zona baixa da táboa foi a que rexistrou un maior número de fichaxes, ata 93 movementos, entre altas e baixas, rexistráronse o Grupo I da 2ª RFEF. E unha vez máis, o principal axitador do mercado foi o Salamanca. Aloxado nun estado de alarma constante, o cadro charro deu a baixa a nove xogadores para contratar a outros seis. Entre as fichaxes máis destacadas están o lateral esquerdo asturiano con experiencia en Primeira División co Sporting de Xixón, Alejandro Menéndez. Para solucionar o problema de falta de gol asinaron a tres atacantes: Juancho, Raúl Uche e Mikel Bueno. O extremo mexicano Carmona e o lateral zurdo cedido Manu Moreno completan a nómina de altas dos do Helmántico.
Para escapar do descenso, tamén houbo movementos no bando asturiano. O Llanera fichou a cinco xogadores e despediu a oito. En cambio, nin Mariño de Luanco nin Ceares realizaron movementos neste período. Si que o fixo o Langreo, que segue soñando con meterse na fase de ascenso, que reforzou todas as súas liñas de xogo. O Avilés, pola súa banda, pechou catro fichaxes co veterano central Morcillo, procedente do Estremadura, como un dos máis destacados.
Outro dos máis activos foi o último equipo que visitou Pasarón. O Móstoles perdeu neste mercado a Gassama, Obama e Juanca Jordán, así como outros cinco xogadores máis. Para ocupar o seu lugar chegou o extremo formado en Valdebebas e con pasado en divisións superiores, Rubén Belima, así como o lateral brasileiro Calarge ou o extremo cedido polo Real Madrid Castela, Vassilakis. Adri Carrasco, do Salamanca; Abel Molinero, do Águilas; e Álex Alonso, de La Nucía, completan o capítulo.
En territorio galego tamén houbo movementos. Sobresae o cambio de domicilio do delanterio Uxío Dapena, que abandona Carballo para irse ao Carballiño. O Arenteiro fichou tamén a dous exgranates: o extremo arxentino Pibe e o central Pol Bueso. Pola contra, entre os seus catro baixas, sobresae a do ariete Adri Castro, que se desvinculou do RC Deportivo, que o tiña cedido no conxunto ourensán, para asinar polo Formentera que adestra o galego Míchel Alonso.
O oco de Uxío no Bergantiños ocúpao o ariete Cristian Martínez, cedido polo Lugo. Ademais ficharon tamén do Salamanca ao mediocentro Hugo Díaz.
Para abandonar os postos de descenso no Vao, o Coruxo pechou tres fichaxes: o regreso do extremo Youssef Al Watani e as cesións do lateral dereito colombiano procedente do UCAM Murcia, Johan Terranova; así como o mediocentro do filial do Lugo, Dani Vidal. As baixas foron para David Giráldez e Diego Martínez. Unha actividade que contrasta coa do Arosa SC, que non protagonizou ningún movemento.
O que non se moveu moito no mercado foi o Palencia Cristo Atlético, que só incoporó ao porteiro sub 23, Miguel García.