O Pontevedra explora a vía rápida
Por Manu Otero
"Como dicía Johann se me meten tres, que metamos nós catro", é o resumo da filosofía futbolística de Ángel Rodríguez, técnico formado na Masía que está a imprimir en Pontevedra a súa innegociable vocación ofensiva. E o traballo está a dar os seus froitos porque os granates encaixan goles, é certo, pero anotaron máis do dobre dos recibidos.
Desde que o técnico leonés deu coa tecla, o Pontevedra non deixou de engrosar as súas cifras goleadores. E o instinto depredador dos granates é innegable como se viu nos dous últimos partidos en Pasarón con catro tantos a favor e coa intención de seguir ampliando a renda ata o asubío final.
"O equipo é ofensivo, quere facer goles. Se queres ser gañador de verdade temos que tentar facer sempre máis goles. Temos que tratar con humildade ao rival, aínda que lle vaiamos gañando 4-0, pero hai que seguir marcando e ter posibilidades de gol. Se queremos ser profesionais, hai que meter esa mentalidade ao equipo", afirmou Rodríguez lembrando a funesta data na historia do Barça na que o Bayern lle endosou 8 tantos nus cuartos de final da Champions. "Meteron o oitavo e Muller foi á rede polo balón para meter máis", lembra desexoso de que o seu equipo adquira ese apetito voraz.
O estilo ofensivo do Pontevedra sobresae a primeira ollada. "Hai partidos que os laterais son extremos", recoñece o preparador. Dous dianteiros, dous interiores, dous laterais e un centrocampista ofensivo. Ata sete xogadores acumula habitualmente no último terzo do campo que moven o balón con velocidade dun lado a outro co obxectivo de atopar unha fisura e na defensa rival. Ás veces atópana con centros laterais, outras veces con pases interiores.
Con todo, co paso dos partidos, os rivais teñen cada vez máis estudado o esquema de xogo granate e chegan ao partido coa lección ben aprendida. É por iso, que no caderno do adestrador empezan a debuxarse variables. "Xogo máis vertical, menos pases por dentro", é a última actualización do Pontevedra de Ángel.
"É un rexistro que imos ver máis. Somos un equipo que xoga ben ao fútbol cando xogamos por dentro e iso sábeo o rival", argumenta. Para superar este primeiro control o remedio foi pechar aos interiores e "tirar aos laterais moi arriba". Funcionou e por momentos o xogo de Seoane e Álex González foi tan brillante como decisivo.
Aínda así, os granates teñen que seguir evolucionando. "Se nos veñen a apertar moi adiante, hai que correr ao espazo", resolve. O resultado foron senllas goleadas en Pasarón a Palencia e Móstoles.
E para estas variantes sabe Rodríguez que debe contar con dous xogadores como Javy Rey e Romay. O primeiro pola súa capacidade de dominar o xogo aéreo e o corpo a corpo, o segundo, pola súa capacidade para atopar, con precisión de cirurxián, pases ao espazo. "O equipo xogou ben, foi máis vertical, para ese partido o xogo aéreo de Javi veunos ben. Son dous xogadores que poden ser titulares en calquera momento", insiste o adestrador.
Pero non todo é cor de rosa no vestiario do Pontevedra. "Hai partidos que nos van a custar máis", asume Rodríguez consciente dos puntos débiles do seu equipo. A defensa do balón parado e segundas xogadas son uns deles.
"Hai unha máxima no fútbol: a manta curta. Temos moitas virtudes e algunhas carencias. Ao final de tempada direi onde ten máis carencias o equipo. A día de hoxe sería nese tipo de goles. Pero como virtude recibimos poucos goles en transicións ou en xogada elaboradas. É imposible case manter unha regularidade en todo, hai algo por onde se che vai algo do equipo", admite.
Con todo, el e o seu corpo técnico traballan para corrixir estas concesións ao rival. "Hai un día á semana que traballamos o balón parado, esperemos que se poida cortar esa billa e entoes seremos un equipo máis completo", rematou Rodríguez.
Relacionadas:
-
Mal menor para o Pontevedra tras o inesperado tropezo do Unión Adarve
Por Diego Espiño |
-
Fin á xeira positiva do Pontevedra, que queda seco en Leganés (2-0)
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra viaxa a Leganés sen Seoane para seguir presionando ao Unión Adarve
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra, no top 5 español de equipos con mellor cociente entre goles anotados e recibidos
Por Manu Otero |
-
Goleada ante o Móstoles dun Pontevedra que encadea a súa novena xornada sen perder (4-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Javi Rey e Romay, candidatos ao once inicial ante a baixa de Yelko Pino
Por Diego Espiño |
-
Remontada do Pontevedra ante o Cristo Atlético para empezar o ano cun sorriso (4-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |