Un taller de Hábitos Saudables para pais dos deportistas do Club de Loita Pontevedra
Por Redacción
Os pais e nais dos deportistas do Club de Loita Pontevedra asistiron este sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva a un Taller de Fomento de Hábitos de Vida Saudables organizado polo departamento de Deportes do Concello.
Os obradoiros foron postos en marcha no marco do programa municipal A Vida é Movernos e pretenden que os pais dos pequenos adquiran costumes que melloren o seu estilo de vida e, á súa vez servan de espello na formación deportiva e na saúde dos seus fillos.
Ao taller tamén acudiu o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que adiantou que a intención é que se repitan en outras disciplinas aproveitando os adestramentos dos nenos e nenas.
Durante a celebración do obradoiro o edil desexoulle "moita coraxe, forza mental e sorte" á loitadora Lydia Pérez Touriño para "enfrontar os decisivos retos deportivos que ten por diante neste comezo de 2022".
A pontevedresa viaxará desde o 8 ao 16 de febreiro a unha concentración a Suecia, e posteriormente irá coa Selección Española ao Torneo Internacional 'Dan Kolov', que se celebrará en Bulgaria entre os días 17 e 20 deste mesmo mes.
"Tanto a concentración como a participación de Lydia nesta competición internacional forman parte do seu proceso de preparación para o Campionato de Europa de Loita que se celebrará en Budapest entre o 28 de marzo ao 6 de abril. Lydia é un motivo de orgullo para esta cidade e temos a premonición de que, nun 2022 no que Pontevedra albergará un Campionato do Mundo de Loita Sub-23 e outro de Grappling, este será o ano no que Lydia nos dará máis alegrías e no que protagonizará o seu salto de calidade máis importante", asegurou o edil socialista.
Relacionadas:
-
O Pazo da Cultura acolleu o IX Encontro de Alumnado das Escolas Asociadas da Unesco
Por Redacción |
-
'Rutas saludables': unha iniciativa para fomentar a actividade física e combater o sedentarismo
Por Raquel Currás Martínez |
-
Os roteiros saudables da Asociación Contra o Cancro reúnen a 40 persoas en Pontevedra
Por Redacción |