Un golazo de chilena de Carnero dá a vitoria ao Pontevedra (0-1) fronte o Barbadás
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Actitude, concentración defensiva máxima, axudas nas coberturas, intensidade na disputa de cada balón dividido. Foron as armas dun Pontevedra que deixou sobre o sintético de Os Carrís unha impresión diametralmente oposta á ofrecida a pasada tempada no mesmo escenario e fronte ao mesmo rival.
A vitoria granate chegou como consecuencia do primeiro e único disparo a porta realizado entre os dous equipos en toda a primeira metade, pero tamén como xusto premio ao equipo que máis buscou a área rival no primeiro período.
Cun fútbol directo e sen florituras, como esixía o escenario, o Pontevedra soubo adaptarse ao único estilo posible nun campo de reducidas dimensións e sempre complicado para calquera rival. Tras uns comezos titubeantes, os de Manu Fernández basearon o seu xogo nunha defensa firme, segura e sen concesións.
Cun Yago Vázquez crecido, acudindo oportuno aos cruces, e un David Feito serio e sólido, especialmente nos balóns por alto, Adrián e Miguel pronto se contaxiaron do bo facer, plantando unha liña defensiva, apoiados no bo facer de Candela e David García, por diante, e especialmente nas axudas defensivas de David Pérez, que resultou infranqueable para os propietarios do terreo.
Certo que o partido non foi brillante. Facer bo fútbol neste tipo de escenarios é pouco menos que un imposible. Pero polo menos houbo emoción polo incerto do resultado, e un gol que por si só xustifica o prezo dunha entrada.
Porque o tanto de Pablo Carnero, que deu os tres puntos ao Pontevedra, foi toda unha obra de arte. Corría o minuto 30 de partido. Ata entón non pasara nada destacable. O Pontevedra levaba a iniciativa, pero o perigo non chegaba ás áreas. E nestas estabamos cando Edu, si, o porteiro granate, lanzou unha falta desde a frontal do área propia. Carnero baixou o balón de costas, con Nacho Currás pegado a el coma se fose a súa sombra, e inventouse un remate de chilena, á media volta, ante o que nada puido facer Berto.
Un golazo para enmarcar, co que se chegaba ao descanso, e que daría paso a unha segunda metade máis aberta.
O Barbadás foise arriba, obrigado polo marcador. Recorrendo a un fútbol cada vez máis directo fixo sufrir ao Pontevedra, pero só de forma relativa. A zaga visitante resolveu sen excesivos apuros, mentres o equipo granate buscaba sentenciar nalgunha contra.
Os locais tiveron a súa mellor ocasión nun remate de Quintairos, tras rexeite curto de Edu, que o mesmo Edu mandou a corner, minuto 69, mentres o Pontevedra dispuxo de varias saídas nas que faltou acerto no último pase, ou no remate final. A máis clara no minuto 73, cando Caco recibe un pase de Pablo Carnero, con posible man incluída de Vieytes dentro do área, pero Berto sae con decisión e consegue evitar o remate de socato.
Ao final vitoria traballada e merecida dun Pontevedra loitador, ordenado e práctico.
U.D. BARBADÁS (0): Berto (2); Martín Fernández (2), Vieytes (1), Quintairos (1), Alfredo (1); Nacho Curras (1), Dafonte (1); Rafita (1), Moisés (1), Oli (2); e Hugo (2).
Sustitucions: Jaime (1) por Oli, minuto 65. Martín Pérez (1) por Rafita, minuto 65. Luís (1) por Nacho Curras, minuto 75.
PONTEVEDRA C.F. (1): Edu (2); Adrian (2), Yago Vázquez (3), Miguel (2), David Feito (3); Richi (1), Candela (2), David García (2), David Pérez (3); Santi Dominguez (1) e Pablo Carnero (3).
Sustituciones: Caco (2) por Richi, minuto 66. Luismi (s.c.) por Santi Domínguez, minuto 80. Kevin (s.c.) por Pablo Carnero, minuto 86.
Árbitro: Francisco Xavier Rodríguez Campos (A Coruña), auxiliado nas bandas por Edgar Soto Eiroa e Jorge Villamuelas Castro. Amoestou a Berto e Hugo, polo conxunto local, e a David Feito, Candela e David Pérez, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 30: Pablo Carnero.
Incidencias: Campo de Os Carrís (A Valenzá-Ourense). Uns 400 espectadores.
VESTUARIOS:
JORGE REGAL: O adestrador local resumía así o partido: "Creo que se resolveu nunha xogada de talento. Poucas ocasións e nesa o balón chegoulle a Pablo Carnero que definiu de forma marabillosa. O Pontevedra non creou ningunha ocasión máis clara e nós tivemos na segunda parte dúas na mesma acción que sacou o porteiro".
Jorge Regal: "Facerche un gol desa beleza está ao alcance de moi poucos"
"O Pontevedra veu con moita intensidade, na primeira parte creo que foi algo superior a nós, estivo máis metido no partido, pero na segunda conseguimos meterlles no seu campo, pero iso non é suficiente para gañar un partido e o gol foi decisivo. Hoxe o Pontevedra xuntou dúas cousas que che van a facer estar arriba ao final, moita disciplina defensiva e talento en ataque, porque facerche un gol desa beleza está ao alcance de moi poucos".
MANU FERNÁNDEZ: Lóxicamente satisfeito co traballo dos seus xogadores, aínda que recoñecendo que sufrira polo curto marcador, o técnico granate valoraba así o sucedido: "ÿ ao que viñamos. Sabiamos que ía ocorrer isto e que habería que sufrir. ÿ un campo sintético, moi curto, coas áreas moi preto e calquera balón pode ser perigo de gol, pero conseguimos evitar que nos fixesen dano. Nestes campos hai que ser prácticos e é o que fixemos".
Manu Fernández: "Faltounos sentenciar nalgunha xogada á contra na segunda parte. Dime Santi que nunha desas xogadas hai un penalti"
"Esta é a liña a seguir. Ser intensos en cada xogada e solidarios nas axudas defensivas. Faltounos sentenciar nalgunha xogada á contra na segunda parte. Falámolo no banquiño, que podes estar replegado e defendendo ben, pero ao recuperar hai que dar máis sentido ao xogo, e tivemos tres saídas que non fomos capaces de dar o último pase en condicións, pero posiblemente sexa consecuencia da tensión e de que non había un respiro. Dime Santi que nunha desas xogadas hai un penalti, pero xa nos estamos afacendo, cada árbitro é un mundo".