Adrián Sieiro, unha volta ás orixes para relanzar o soño olímpico: "Imos a por París como sexa"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Non conseguir clasificarse para os Xogos Olímpicos de Tokyo foi un verdadeiro pau para Adrián Sieiro, non en balde "levabamos desde 2017 ata 2020 gañando todos os selectivos nacionais de C-2 1.000", recoñece sobre a súa etapa facendo equipo con Sergio Vallejo, pero unha serie de contratempos no ano clave enterrearon as súas esperanzas.
"O ano pasado acabei bastante tocado por non conseguir o obxectivo que era ir aos Xogos e por iso plantexeime virme para aquí, necesitaba cambiar de aires", explica a PontevedraViva o padexeiro pontevedrés (Piragüismo Poio Pescamar) desde a súa nova base de adestramento, na casa, no Complexo Deportivo David Cal Pontillón do Castro, en Verducido.
Sieiro deixou atrás moitos os seus preparándose co equipo nacional de piragüismo no Centro de Alto Rendemento de Sevilla, para facelo agora ao abrigo dos seus aproveitando que o complexo pontevedrés acolle a infraestrutura do equipo nacional sub-23 de canoa. "Non o considero un paso atrás", defende, senón unha maneira de recuperar a motivación para aferrarse ao soño de converterse en olímpico na que será, case con total seguridade, a súa última oportunidade.
"Imos a por París como sexa", sinala con determinación, e é que "se desta non vai non vou aguantar aquí moitos máis anos, teño xa 30 anos, serían 7 máis enriba e non me vexo. De feito se tivésemos conseguido ir aos Xogos ata me plantexei retirarme", revela, pero evitouno o non querer quedar con esa espiña cravada.
De momento esa pelexa non será co seu compañeiro de tantos anos, o poiense Sergio Vallejo, senón co balear Joan Moreno con quen xa competiu durante os últimos meses de 2021. "Gustaríame desde o inicio do ciclo seguir compartindo embarcación con Sergio, pero agora mesmo Vallejo operouse do cóbado", explica Adrián Sieiro, contento tamén co nivel de entendemento coa súa nova parella no C-2. "É moi bo tamén", defende, aínda que vivir en lugares diferentes fai que teñan que alternarse entre Pontevedra e Palma de Mallorca con viaxes periódicas.
A piques de estrear tempada no Campionato de España de Inverno en Sevilla ten claro cal é a gran meta en 2022. "O obxectivo número uno do ano é o Mundial de Canadá", explica o pontevedrés, pero para iso deberá vencer no proceso de selección nacional. Chegar alí e protagonizar un bo papel nun C-2 que reduce a súa distancia a 500 metros, algo que asegura benefícialle xa que "se me dan un pouco mellor as distancias curtas que os 1.000 metros", sería toda unha reivindicación mirando cara ao próximo ano, no que se repartirán as primeiras prazas olímpicas.
Relacionadas:
-
Adrián Sieiro cambia de aires fichando polo Náutico O Muíño nunha "decisión moi difícil de tomar"
Por Diego Espiño |
-
Iván García, un marinense convencido de poder chegar aos Xogos: "Vai estar na miña man"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O empeño de Melania Rodríguez por converterse en olímpica: "Nunca o vira tan preto"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Os representantes españois para as Copas do Mundo de piragüismo elexiranse en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Lydia Pérez, cos Xogos Olímpicos entre cella e cella: "O único camiño é persistir. Se non é en París será en Los Ángeles"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O piragüismo galego cóbrese de metales no Campionato de España de Inverno
Por Redacción |
-
Antía Otero recibe o apoio das Becas Podium soñando con París 2024: "Dáche forzas para crer en ti e ver que se pode"
Por Diego Espiño |
-
O virus de Epstein-Barr, un inimigo silencioso que deixou a Sergio Vallejo e Adrián Sieiro sen Xogos Olímpicos
Por Diego Espiño |