O Poio Pescamar quere consolidar o seu posto de playoff e o Marín Futsal, certificar a súa permanencia
Por Redacción
A Primeira División de fútbol sala feminino entra na súa fase decisiva. A nove xornadas para o final, tanto Poio Pescamar como Marín Futsal saben que deben ofrecer a súa mellor versión para asegurar canto antes os seus obxectivos.
As vermellas, asentadas nunha cuarta praza moi cobizada, reciben este sábado ás 18.30 horas na Seca ao Leganés, acomodado na zona media da clasificación cun colchón de nove puntos sobre a zona de perigo.
Despois de asegurar a súa presenza na final da Copa Xunta, as de Manu Cossío queren referendar o seu bo momento cun triunfo que poña máis terra polo medio cos seus perseguidores. Contan cunha vantaxe de tres puntos, pero o Ourense Envialia, próximo rival na final do torneo autonómico, atópase só a unha vitoria de distancia e ten aínda un partido pendente de disputar.
É por iso que derrotar ao Leganés é máis que necesario, sobre todo porque os seus rivais, o Ourense Envialia e o Alcorcón xogan como locais ante equipos, a priori, alcanzables. Ademais, na parte alta da táboa xógase outro duelo directo entre Móstoles e Burela, terceiro e segundo clasificado, polo que as conserveiras poden recortar distancias e mirar cara arriba.
Menos decisivo é o partido do Marín Futsal, que visita o domingo ás 11.45 horas ao Juventut d' Elx. O conxunto alacantino é o pechacancelas da táboa con só tres puntos, mentres que o Marín atópase nunha desafogada décima posición con catorce puntos sobre o descenso, polo que lograr o triunfo supoñería xa conseguir unha permanencia que xa teñen máis que encarrilada no seu primeiro ano na máxima competición nacional.
Relacionadas:
-
O Marín Futsal certifica a súa permanencia á conta do pechacancelas Joventut d'Elx (2-3)
Por Almu Dapena |
-
O Poio Pescamar golea o Leganés para seguir en postos de playoff (5-2)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Poio Pescamar métese na final da Copa Galicia tras superar o Cidade das Burgas (3-2)
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar regresa á zona nobre con goleada en Alacante (0-4)
Por Almu Dapena |
-
O Marín Futsal supera o Sala Zaragoza nun duelo vital pola permanencia (3-1)
Por Almu Dapena |
-
O Marín Futsal afástase do descenso á conta do Penya Esplugues (0-2)
Por Almu Dapena |