O Breogán do Grove triunfa na Copa de España de piragüismo por equipos
Por Redacción
O encoro de Pontillón do Castro de Verducido, volveu ser o epicentro do piragüismo ao acoller a II Copa de España Sprint 2022 para as categorías júnior e sénior sobre embarcacións dobres e cuádruplos nas distancias de 1000, 500 e 200 metros.
O primeiro posto da clasificación xeral por equipos sería para o conxunto madrileño do Piragüismo Aranxuez, seguido polo Náutico Sevilla e o Real Círculo de Labradores. Entre os dez primeiros atópanse catro conxuntos galegos como son o Breogán do Grove sétimo, o E. P Ciudad de Pontevedra en oitavo e As Torres décimo.
Ademais o Breogán destacou na categoría senior masculina na que terminou nunha meritoria terceira posición.
Os deportistas galegos tiveron unha destacada actuación con varios triunfos nas distintas probas. Así ben na distancia de 500 metros o K4 masculino do Fluvial de Lugo fíxose coa medalla de ouro mentres que a embarcación do Kaiak Tudense era bronce. O C4 do Breogán levaba a vitoria e o K4 feminino do Kaiak Tudense terminaba en terceiro lugar.
O C2 de Antía Jácome e Claudia Couto do E. P. Ciudad de Pontevedra conseguía gañar as dúas finais de 200 e 500 metros.
Outra das actuacións destacadas da fin de semana foi a da parella do Club de Mar Ría de Aldán formada por Carlos Pérez “ Perucho” e Diego Dacosta despois de asinar un ouro na final de 200 metros, unha prata en 1000 metros e un bronce no K2 500 metros.
Na modalidade de Paracanoe o padeeiro do Piragüismo Rías Baixas Adrián Mosquera logrou impoñerse nas finais de 500 e 200 metros de PV3. Elena Naveiro do Breogán terminou en segunda e terceira posición en PK3. Á súa vez Enriques Navas tamén do Breogán foi terceiro en PK2 e por último, Ramón Fernández do Cidade de Lugo finalizou no terceiro posto en PK3