O mellor fútbol sala de Galicia para celebrar en Marín o Día das Letras Galegas
Por Redacción
O Día das Letras Galegas, 17 de maio, Marín será o epicentro do fútbol sala galego, coa celebración da final da Copa Galicia Masculina e Feminina na Raña.
Trátase da XXX edición masculina deste evento e da XV feminina, sendo unha competición do máis alto nivel autonómico que poderá verse no Pavillón da Raña, “que xa é como a nosa casa”, tal e como declarou en rolda de prensa Prieto.
Na final feminina, que será ás 17 horas, enfrentaranse o Ourense Envialia co Poio Pescamar. Pola súa parte, na masculina, ás 19.30 horas, loitarán pola copa O Parrulo Ferrol e o Noia Portus Apostoli.
O vicepresidente da Federación Galega de Fútbol e responsable da área de fútbol sala, Pablo Prieto, quixo destacar e agradecer “a implicación do Concello para poder acoller un evento coma este e especialmente, a do Club Deportivo La Peña, que ten unha gran proxección” e animou a toda a veciñanza de Marín e aos seguidores do fútbol sala a non perder esta xornada única para o deporte galego.
Pola súa banda, a alcaldesa, María Ramallo, agradeceu tamén “que de novo poidamos contar na nosa vila cun espectáculo deportivo do máis alto nivel, especialmente tratándose de fútbol sala, que en Marín, cos nosos equipos locais, ten unha gran canteira”.
Desde o día 10 e ata o próximo martes 17 está aberta a venda de entradas, xestionada polo club organizador CD La Peña. A entrada é única e permite o acceso tanto á final masculina como a feminina. Os prezos son de 10 euros para os maiores de 13 anos, 5 euros para os menores e gratuíta para os menores de 3 anos.
O Salón de Plenos do Concello acolleu este mércores a presentación deste evento, ao que asistiu, ademais de Pablo Prieto, a alcaldesa María Ramallo, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol en Pontevedra, José Manuel Fernández; o coordinador do deporte base en Pontevedra, José Manuel Freire; e os concelleiros Antonio Traba e Antonio Caíña.
Relacionadas:
-
O Poio Pescamar conquista nos penaltis a súa terceira Copa Galicia
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar visita o Ourense Envialia se marxe para o erro
Por Redacción |
-
O pavillón marinense da Raña, sede para as finais da Copa Galicia de fútbol sala
Por Redacción |
-
Definida a Copa Galicia de fútbol sala, coa súa fase final prevista en Marín
Por Redacción |