A Palencia a pechar o ascenso, a defender o escudo e a repartir minutos entre os menos habituais

Por Manu Otero
O Pontevedra pecha a tempada este domingo en Palencia co obxectivo de certificar un ascenso a Primeira RFEF que xa logrou de forma virtual hai unha semana. Os granates contan cun colchón de quince goles e tres puntos sobre o Unión Adarve que se antolla máis que suficiente para lograr o ansiado salto de categoría.
"Catástrofes no fútbol hai, como lle pasou ao PSG no campo do Barça, pero un marcador de balonmán non creo que se dea no futbol a día de hoxe nun equipo profesional contra outro. Pódese dar un partido malo e podes perder. Pero non mo creo. Se fose adestrador do Adarve, eu tentaría gardar xente importante para o que se me vén", declarou o adestrador Ángel Rodríguez cuestionado sobre a posibilidade de perder o liderado.
Aínda que no club está todo o mundo convencido de que o ascenso está no peto, no vestiario non se respira nadiña de nada de relaxación e sairán ao céspede da Nova Balastera coa intención de conseguir os tres puntos. "Cada un ten que mostrar a súa mellor versión, defender o escudo, representar a un pobo como Pontevedra e dedicarlle un bo partido aos afeccionados que se van a desprazar. Non merecen que vaiamos a un campo para pasearnos. Para min sería un fracaso persoal non competir ben este partido", subliñou o técnico leonés.
A situación clasificatoria e o estado físico dalgúns xogadores permitirán que os xogadores menos habituais gocen de minutos co equipo granate neste último encontro de liga. Seoane e Rufo son as únicas baixas obrigadas por lesión, mentres que o resto do plantel está en condicións para medirse ao Palencia Cristo. "O partido ímonolo a tomar en serio, dá igual quen xogue. Eu podo facer cambios por obrigación, necesidade ou porque queira pero estou convencido de que os que van saír van dar todo e van estar preparados para facelo ben", declarou o preparador.
Nunca dá pistas Ángel Rodríguez nas roldas de prensa previas aos partidos sobre o once que saltará ao campo, pero esta vez fixo unha excepción e anticipou que Pablo López, único integrante do primeiro equipo que aínda non debutou, vai ter a oportunidade de xogar. "Adestrou sempre ben e foi moi profesional. Eu téñolle moito agarimo porque estivo sempre atento a todo. Non tivo a oportunidade porque nesa posición temos a dous xogadores ou mesmo tres que poderían estar antes que el. Pero se todo vai con normalidade, vai ter a posibilidade de xogar uns minutos porque o mereceu anteriormente e non lla puiden dar", dixo sobre o mozo lateral.
Non estará só o Pontevedra neste último partido de liga, a afección segue envorcada co equipo e encheu os dous autobuses que empresas colaboradoras da entidade granate han posto ao dispor da inchada de forma gratuíta. Preto de 150 afeccionados poñerán a cor granate nun estadio no que o Pontevedra confía en celebrar de forma xa oficial o seu regreso a Primeira RFEF.
Relacionadas:
-
FOTOS: Así se viviu en Palencia o ascenso do Pontevedra Cf
Por Redacción |
-
O Pontevedra certifica o seu ascenso a Primeira RFEF cun empate en Palencia (1-1)
Por Almu Dapena |
-
A continuidade de Ángel Rodríguez no banco está no aire pese ao ascenso
Por Manu Otero |
-
Álex González descarta quedar sen ascenso: "Son condicións que no fútbol de hoxe en día non ocorren. Aínda así, imos ir a gañar"
Por Manu Otero |
-
A afección granate enche un autobús en 48 horas para certificar o ascenso en Palencia
Por Manu Otero |