O prazo de inscrición para as Olimpíadas Populares Galegas está aberto ata o 2 de xuño
Por Redacción
A asociación O Quilombo organiza para os vindeiros días 10, 11 e 12 de xuño no parque recreativo e deportivo da Seca, en Poio, unha nova edición das Olimpíadas Populares Galegas (OPG).
A cita, que conta coa colaboración do Concello de Poio, suporá a oitava edición desta convocatoria aberta que naceu no 2011 no Ribeiro, para pasar en anos seguintes polas comarcas de Compostela, Arnoia, Baixo Miño, Morrazo, Terra Chá e Terra de Montes.
Os participantes nas OPG terán un amplo catálogo de probas que escoller. Entre as modalidades atléticas, están presentes o salto de lonxitude, carreiras (100 e 5000 metros) ou triatlón. Pero tamén haberá deportes de equipo como balón volea ou brilé; así como probas tradicionais como a loita galega, a billarda e xogos populares como tiro de corda ou lanzamento de sacho.
Mesmo as persoas pouco aficionadas ao exercicio físico terán a sua ocasión de participar nos xogos con disciplinas como o xadrez ou lanzamento de boina.
Segundo o regulamento das OPG, un colectivo pode constituir o seu equipo cun número mínimo de cinco persoas, máximo de 16 e debe participar alo menos de tres probas.
A inscrición pode ser feita ata 2 de xuño a través dun formulario en liña e para calquera dúbida ou maior información pódese contactar a través do e-mail Olimpíadaspopularesgalegas@gmail.com.