O C2 de Sieiro e o K4 de Portela e García, directos á final da Copa do Mundo
Por Manu Otero
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O pano da Copa do Mundo de Piragüismo xa se levantou en Racice e os representantes galegos comezan xa a mostrar todo o seu potencial. Con só media xornada disputada e coas roldas preliminares en xogo, son xa tres os padeeiros pontevedreses que certificaron o seu pase á final do domingo: Teresa Portela, Carolina García e Adrián Sieiro.
As boas noticias empezaron a chegar xa na primeira regata da mañá, a do K4-500 capitaneado por Teresa Portela, acompañada pola pontevedresa Carolina García, a tudense Sara Ouzande e a catalá Laia Pelach. O barco español cruzou a meta en primeira posición e logrou o pase directo á final, prevista para este sábado ás 11.11 horas.
"Necesitabamos vernos a nivel internacional con respecto aos demais K4 e as sensacións foron moi boas. Estamos contentas por estar na final e mañá daremos todo o que temos e oxalá podamos estar diante", declarou Teresa Portela ao rematar a súa participación.
Corenta e cinco minutos despois foi a quenda do C2-500 no que Adrián Sieiro e Joan Antoni Moreno lograron tamén acabar a súa manga en primeira posición e lograr o billete directo para a final do domingo.
"As sensacións foron moi boas, estamos moi contentos por como nos saíron esta primeira clasificatoria, atopámonos moi ben e con bastantes posibilidades de facelo ben para a final", declarou Moreno ao finalizar a fase previa. Sobre as posibilidades de vitoria pronunciouse Sieiro para confesar que "imos estar a un nivel moi parello catro, cinco ou seis barcos, pero imos tentar deixalo todo para levarnos o mellor resultado".
Aínda que non lograron o pase directo á final, destacable foi tamén o papel da pontevedresa Claudia Couto que, acompañada a bordo do C2 por Julia Espinosa, remataron en quinta posición a súa regata e buscarán nas semifinais do sábado un oco na carreira pola medalla.
Na sesión de tarde, Antía Jácome terminou segunda na súa rolda por detrás da chilena María Mailiard na segunda rolda clasificatoria do C1-200. Unha posición que a obrigará a competir o sábado na final para meterse na loita polas medallas
Relacionadas:
-
Medio milleiro de piragüistas cítanse en Verducido polo campionato autonómico sénior e xuvenil
Por Manu Otero |
-
Manuel Fontán e Pablo Graña, quintos nunha Copa do Mundo marcada polo mal tempo
Por Redacción |
-
Manuel Fontán e Pablo Graña, á final do C-2 500 na Copa do Mundo de Poznan
Por Diego Espiño |
-
Claudia Couto queda ás portas do podio e Antía Jácome finaliza sétima na Copa do Mundo de Racice
Por Almu Dapena |
-
Éxito pontevedrés na Copa do Mundo de Racice: pratas para Adrián Sieiro, Teresa Portela e Carolina García
Por Almu Dapena | Creada e actualizada
-
A Copa do Mundo de Racice, termómetro para as opcións mundialistas do piragüismo pontevedrés
Por Redacción |