Lupe Murillo pide "un pouco máis" ás institucións para que o Pontevedra siga crecendo
Por Manu Otero
Os actos de celebración do ascenso do Pontevedra a Primeira RFEF afrontan este venres a súa última xornada na que toda a familia granate foi recibida na Casa das Campás polo alcalde e numerosos membros da corporación. Pola tarde, os actos continuarán cunha ofrenda na igrexa da Peregrina e unha cea á que están convidados os socios no restaurante Campaniola.
Nun ateigado salón de actos da Casa das Campás, único edificio municipal dispoñible para unha recepción deste tipo polas obras no Teatro e na Casa do concello, todo o plantel granate foi agasallado por parte do Concello cunha pulseira co escudo da cidade, mentres que a presidenta Lupe Murillo recibiu de mans do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores un broche cunha insignia de San Francisco.
Antes do intercambio de agasallos, foi a quenda dos discursos. Comezou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, para expresar a "alegría" que sente en toda a cidade porque o "Pontevedra é un sentimento". Tomou a substitución o capitán granate, Álex González, que mostrou o seu entusiasmo polo agarimo recibido nos últimos días. "É unha marabilla poder seguir celebrando", dixo en sinal dun agradecemento que fai extendible a todo o vestiario.
Grazas tamén deu a presidenta Lupe Murillo a todos os representantes políticos alí presentes polo innegociable apoio cara ao club, neste sentido fixo especial mención a Lores e a concelleira Yoya Blanco. Tamén lamentou a mandataria que as circunstancias do ascenso impediron un baño de masas polas rúas da cidade, pero recoñeceu que "é un orgullo levar o nome de Pontevedra por España".
Despois de admitir que conseguir o ascenso non foi "fácil", a presidenta pon xa a vista na próxima tempada, na que será necesario o máximo apoio posible de todas as institucións e a sociedade pontevedresa para que o club siga avanzando. "Imos ter que pedir un pouco máis", dixo Murillo mirando a Lores. Aumentar o orzamento non sempre é sinónimo de éxito deportivo, pero "os cartos axudan", insistiu Murillo antes de pechar o seu discurso.
A luva non dubidou en recollela o rexedor pontevedrés para pedir a toda a cidade "ter os pés na terra". Lembrou o nacionalista que nas últimas décadas o Pontevedra estivo ata en tres ocasiones ao bordo da disolución, por iso pediu non obsesionarse con outro ascenso para evitar "caer outra vez no pozo". Aínda así, Fernández Lores mostrouse orgulloso dos logros conseguidos polo equipo e nun ton distendido recoñeceu que "o Pontevedra é máis que un club" e mostrouse comprensivo cos futbolistas: "Os que xogades no Pontevedra saídes con toda a historia do clube detrás, é moito peso, pero aínda así conseguestes o obxectivo", felicitounos.
Finalmente, e antes da tradicional foto de familia nas escaleiras do Teatro Principal, Lupe Murillo fixo entrega a Fernández Lores do balón, asinado polos xogadores, co que o Pontevedra selou o ascenso a Primeira RFEF. "É o balón co que Álex González meteu o gol do ascenso". "Golazo", interrompeu o alcalde á presidenta, para sinalar despois que "imos poñer este balón na vitrina onde temos os premios da ONU", rematou.
Esta tarde, o equipo ten previsto realizar unha ofrenda de agradecemento á Virxe da Peregrina como marca a tradición cada vez que o Pontevedra logra o seu obxectivo ás 20 horas. Logo, o calendario de celebración do ascenso concluirá cunha cea granate no hotel Campaniola. E, a partir de aí, xogadores e corpo técnico comezarán unhas merecidas vacacións.
Relacionadas:
-
Lupe Murillo: "As contas tras a pandemia rompen o ciclo de superávit que trae este Consello de Administración"
Por Diego Espiño |
-
Unha falta de 'feeling' con difícil solución
Por Diego Espiño |
-
Unha Primeira RFEF con poucos desprazamentos próximos para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Charles recibe o trofeo O Granate do podcast de aficionados Fondo Norte
Por Redacción |
-
A decisión sobre o adestrador, en 'stand by'
Por Diego Espiño |
-
Chega o momento de planificar para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A Deputación festexa o ascenso do Pontevedra mirando cara á 2ª División: "É o mínimo que se merece esta cidade e este equipo"
Por Diego Espiño & Diana Eiras |
-
VÍDEO.- Recepción ao Pontevedra na Xunta de Galicia: "Oxalá que o ano que vén esteamos a celebrar outro ascenso"
Por Diego Espiño |
-
Semana de celebracións para o Pontevedra antes de iniciar as vacacións
Por Diego Espiño |
-
FOTOS: Así se viviu en Palencia o ascenso do Pontevedra Cf
Por Redacción |