O alumnado do colexio San José adéntrase no remo e na loita olímpica
Por Redacción
O alumnado do CPR San José de Pontevedra gozou durante esta semana de dúas xornadas cheas de deporte nas que tiveron a oportunidade de coñecer a dúas campioas de España como son Lydia Pérez e Nerea Pampín.
O mércores 18 de maio os alumnos e alumnas de quinto de Educación Primaria visitaron Cangas do Morrazo, onde fixeron unha iniciación ao remo en colaboración co Club Vila de Cangas.
Durante a xornada puideron coñecer as instalacións do club, a súa historia e practicar de forma rotativa o deporte. Realizaron un quecemento, despois probaron os ergómetros, remaron no foso e, por último, saltaron á auga para remar en traiñeiras.
Ese mesmo día e o xoves 19 chegou a quenda de coñecer desde dentro a loita olímpica. As clases de terceiro, cuarto e sexto curso gozaron destas sesións onde coñeceron un pouco máis a historia deste deporte e puideron practicalo. Todo iso da man de dúas campioas como Lydia Pérez e Nerea Pampín, e de Rubén Méndez, adestrador galego e técnico do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Son actividades deportivas están incluídas dentro do programa XOGADE da Xunta de Galicia e foron "todo un éxito". De feito, "tanto nenos como nenas queren seguir practicando esta disciplina deportiva", destacaron desde o colexio.