Sanxenxo devolve a Galicia ao circuíto Arena Handball Tour de balonmán praia
Por Redacción
O Arena Handball Tour 2022, o circuíto de balonmán praia organizado pola Real Federación Española de Balonmán, regresará este verán a Galicia da man de Sanxenxo.
A localidade pontevedresa, que tiña previsto acoller xa o Campionato de España de Seleccións Autonómicas, será sede ademais dun torneo Arena 1.000 do prestixioso circuíto.
Ambos os dous eventos desenvolveranse de maneira paralela a fin de semana do 24 ao 26 de xuño, tal e como se confirmou na presentación no Consello Superior de Deportes da edición 2022 do Arena Handball Tour.
"Queremos romper o tópico e dicir que gozaremos do mellor evento de balonmán praia do verán", defendeu no acto o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López.
O Arena Handball Tour contará ademais cunha primeira cita coa Copa de España do 3 ao 5 de xuño en Torrox (Málaga), seguida de Sanxenxo, un torneo Arena 1.000 na localidade portuguesa de Nazaré (8-10 de xullo), o torneo Arena 1.000 de Almería (15-17 de xullo), o Campionato de España de Clubs que se celebrará en Orihuela (29-31 de xullo) e a Copa de España de Melilla (12-14 de agosto).