Preto de 400 deportistas participarán na Carreira dos Corvos Memorial Alfonso Bellón
Por Redacción
Todo preparado en Poio para a estrea da Carreira dos Corvos Poio Móvete I Memorial Alfonso Bellón, cita deportiva que se disputará o vindeiro domingo 29 de maio e que foi presentada oficialmente este xoves.
Preto de 400 deportistas entre as diferentes categorías daranse cita nun evento organizado polo Club Tríatlon Poio e o Concello que lembra a figura de Alfonso Bellón Gómez, 'Capi', un veciño de Raxó de 20 anos falecido en febreiro como consecuencia dunha grave enfermidade.
Precisamente por iso trátase dunha carreira de carácter solidario, habilitándose na inscrición un Dorsal Solidario destinado á Asociación Galega contra Enfermidades Neuromusculares ( ASEM).
A saída da carreira absoluta, con 163 deportistas participantes, darase ás 10.30 horas desde A Seca, onde tamén estará a meta, cun circuíto de 10 quilómetros atravesando Campelo ata Lourido e regresando ao momento de orixe polas sendas do litoral. As probas para menores de idade darán comezo a partir das 12.00 horas.
Na presentación da carreira a edil de Deportes de Poio, Marga Caldas, mostrou a súa satisfacción polo feito de que "pouco a pouco podemos ir retomando as probas deportivas de carácter popular, que non se puideron celebrar durante a pandemia e que son un dos piares do tecido deportivo do noso concello", á vez que agradeceu o esforzo do Club Tríatlon Poio organizando un evento que lembra a Capi, "un rapaz que foi un exemplo de superación, que representaba á perfección os valores desta entidade e que sempre profesou un gran amor e agarimo ao club".