O imperio do crossfit galego que naceu pola historia militar de Pontevedra
Por Manu Otero & Mónica Patxot
"O crossfit era un adestramento para militares, pero evolucionou cara á saúde. Calquera persoa que queira poñerse en forma, recuperarse dunha lesión, que teña sobrepeso ou problemas psicolóxicos vén adestrar connosco". Palabra de Luís Lalín, o empresario que introduciu esta disciplina en Pontevedra hai case unha década e que acaba de lanzar a primeira franquía de crossfit en Galicia baixo a marca BOX 004.
A explosión deste deporte non é casualidade. Os inicios "foron esmagadores" e o crecemento, a pesar da pandemia e algún que outro fracasado intento de expansión, segue sendo constante. "Tivemos medo de morte por éxito, tiñamos lista de espera de ata tres meses e o centro non tiña capacidade para mover a toda a xente que quería adestrar connosco, non tiñamos material nin instalacións adaptadas", lembra Lalín os dous primeiros anos dunha actividade que agora ofertan a maior parte dos ximnasios pero que entón non existía na provincia.
As razóns desta expansión sitúaas este emprendedor natural do Caballiño nun cambio drástico no perfil de usuario. "O tipo de usuario que empezou connosco era o tradicional de ximnasio, cun estado de forma óptimo pero quería poñerse aínda máis en forma. Era xente que buscaba estar por encima da media: militares, bombeiros ou policías.
Pero o perfil evolucionou cara a todo o mundo, os usuarios veñen facer deporte e despexar a cabeza. Tamén evolucionaron os adestramentos. Antes eran unha tolemia, agora hai programacións perfectamente estruturadas. E grazas a Deus o mito de que crossfit é levantar rodas de camión está desterrado", explica.
A boa saúde da que goza actualmente este deporte levou a Luís e aos seus dous socios a volver innovar. Despois de crear o primeiro box de crossfit en Pontevedra, agora crearon a primeira franquía de ximnasios especializados nesta disciplina de Galicia.
Debutaron cun novo box no centro de Pontevedra, logo abriron outro en Marín para dar despois o salto a Vigo. E de aí, a Santiago, onde levantarán o enreixado en poucas semanas. "O noso plan de futuro é copar Galicia", adianta Lalín, que pretende abrir un box en cada unha das grandes cidades galegas antes de dar o salto a nivel nacional.
Polo momento, o plan está a saír ao pedir de boca e os motivos tenos moi claros. "Centrámonos nunha parte do fitness que non estaba copada, que é a atención ao cliente. A xente busca atención, que chegues a un sitio e che atendan polo teu nome. Creamos centros máis pequenos, con mellor atención, con mellor programación e centrados na saúde. E tentamos levar ese concepto de familia a todos lados", detalla.
Tampouco a idea de familia, que moitos identifican cunha seita, é infundada. "É pola piña que se forma", confesa Luís, antes de recoñecer que parte do crecemento do seu negocio debeuse a que "a xente está contenta e a que entra vén chamada polos demais, de aí ese movemento sectario de atraer a xente, pero nós chamámoslle familia porque mola máis que o concepto de seita", admite entre risas.
E como toda boa familia, cando as cousas veñen do revés, a axuda é innegociable. Por problemas administrativos, o Box que abriu as súas portas alá polo 2013 tivo que pechar de forma abrupta na Avenida de Lugo e trasladarse a outra localización no polígono do Vao.
"Pechamos un venres e o luns abrimos noutro lado. Foi espectacular. Ás sete da mañá estaba un usuario desmontando a xaula, outro de Marín plantouse alí cun camión, outros con furgonetas, outros pediron o día libre no traballo para botar unha man... A xente chegaba alí dicindo: 'que hai que facer'. Uns descargaban, outros varrían, outros collían unha brocha para pintar. Empezamos a traballar o venres pola mañá e o domingo descansamos. Fixémolo todo en dous días", relata Lalín sen palabras para agradecer o apoio de toda a comunidade de usuarios.
Como contrapartida, desde o Box tratan tamén de devolver todo ese apoio a través da organización de eventos solidarios. A pasada fin de semana celebraron unha concentración de motos clásicas polo centro da cidade en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro.
"Sempre que facemos algo tentamos que teña un compoñente social: axudamos a unha protectora, doamos roupa, comida, etc. Xuntamos moita xente e ese pouquiño de cada un fai moito", explica Lalín lembrando actividades benéficas organizadas como clases de surf, pádel surf ou camiñadas.
Tamén durante a pandemia, unha época de incerteza para todas as empresas, mantiveron ese carácter altruísta. "Os usuarios tiveron moita comprension connosco e para tentar axudalos creamos adestramentos gratuítos en liña. A xente, sen espazo en casa, adestraba con garrafas de auga, con mochilas... Era máis un adestramento psicolóxico e para que se mantivese o contacto, pero non era un adestramento como tal. De feito houbo moitísimas lesións porque moitos empezaron a facer deporte con garrafas de auga, na súa casa e sen supervisión. Para matarse", rememora o adestrador.
Con todo, a pandemia, que os pillou en plena fase de lanzamento das primeiras franquías serviulles para reinventarse e crear un novo sistema de traballo individual que chegou para quedar. "Á normalidade non volvemos nunca. O tema de compartir material houbo que erradicalo e aínda hai xente que non volveu polo tema das máscaras e porque é reticente a xuntarse con outros. Creamos un formato novo con traballo e espazos individuais que callou moito e non imos volver ao concepto que tiñamos antes", argumenta.
En Pontevedra xa non bastan os dedos dunha man para contar os establecementos que ofertan esta disciplina, con todo o desembarco no Lérez deste adestramento deseñado para os militares estadounidenses débese á base militar de Figueirido e á Escola Naval Militar de Marín. "A única xente que coñecía este adestramento hai dez anos eran os militares. E as cidades militares por excelencia en Galicia eran Ferrol ou Pontevedra".
Luís Lalín, con pasado como adestrador no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, apostou pola Boa Vila e en menos dunha década a cidadanía pontevedresa xa forma parte do corazón da primeira franquía galega de crossfit.
Relacionadas:
-
Sesión de crossfit e risoterapia da man do instagrammer Álvaro Andrades
Por Manu Otero |
-
Organizan o primeiro Trofeo Nadal de halterofilia en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os ximnasios saen á rúa para que os recoñezan como actividade esencial para a saúde
Por Manu Otero |
-
Os box de crossfit serán os primeiros centros de adestramento en abrir en Pontevedra
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A corentena ameaza con mandar á quebra autónomos de diversos sectores en Pontevedra
Por Manu Otero |