Fin de semana de balonmán praia por partida dobre en Sanxenxo
Por Redacción
Todo listo en Sanxenxo para converterse durante esta fin de semana, desde o venres 24 ao domingo 26 de xuño, na capital nacional do balonmán praia.
O areal de Silgar, en pleno centro da vila, acollerá durante estes días o primeiro torneo do circuíto Arena 1.000 da tempada, para categoría absoluta, e tamén o Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA).
Ambos os dous eventos foron presentados oficialmente a última hora do mércores desde a pista principal instalada en Silgar, e que acollerá a multitude de deportistas. Só no CESA prevese a participación de 90 equipos das 17 comunidades autónomas, cun total de 1.400 deportistas e unha programación de ata 329 partidos repartidos entre as tres xornadas de competición.
A presentación contou cun gran número de personalidades, coa presenza do presidente da Real Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez; da Federación Galega, Bruno López; o concelleiro de Deportes de Sanxenxo, Daniel Arosa; o deputado provincial Gorka Gómez; e o xefe de servizo de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides.
Todo o torneo poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube da Real Federación Española de Balonmán e da Federación Galega de Balonmán, cunha actividade que dará comezo ás 9.00 horas deste venres e cuxas finais terán lugar durante a xornada do domingo.